Milo

Ola meu pequerrecho,

Es da xeración COVID, iso é así. Pero éche un nome máis coma a X, a milenial… Xa verás que somos así, gústanos porlle nomes a todo.

Non creas todo o que che conten desta pandemia. Non é o peor que lle pasa ao mundo. Sen ir máis lonxe penso que a túa nai xa tivo pasado tempadas peores.

Pode que ti e a túa prima Nuria cheguedes aquí grazas a que tivemos que pasar bastante tempo na casa. Enténdeme, non só por iso. Aos teus pais xa lle andaba na cabeza o asunto pero, e isto é cousa miña, pode que as circunstancias xogaran a favor.

Tés un nome diferente -raro dirán moitxs. Eu tamén. E o do teu pai tampouco é dos máis comúns. A min gústame ter un nome raro. Cando empecei ir a escola mosqueoume un pouco que non houbese ninguén máis que se chamase así pero vinlle as vantaxes rapidiño, non facía falta engadir o apelido; era eu, Nair, e xa! sen ningunha dúbida.

Chegas a un mundo no que a cousa non está en xeral para botar foguetes pero ti podes ter unha vida razoabelmente boa; o teu pai é un tipo estupendo, a túa nai moi doce, o teu avó Toño ten moi boa conexión coa crianza, a túa avoa Luz vaiche facer comidas boísimas… Tes unha manchea de tíos e tías, primxs… Naces nunha sociedade desenvolvida con bos servicios públicos, aínda que nos oirás queixarnos dela todo o tempo porque sómosche un pouco dadxs ao pesimismo. Creme, vas estar ben.

Tamén chegas no mes das Matemáticas

Que se ben é certo que non teñen boa sona entre o alumnado, son a base de case todas as disciplinas científicas e tamén das artísticas; Música, pintura… Por non falar da influenza na formación do pensamento lóxico, que tanta falta nos fai.

Puideches rematar o círculo nacendo o día π (3.14), e fixeches o amago, pero ao remate preferiches nacer o mesmo día que o teu tío Jorge. Moi boa elección tamén.

Que quen son eu? Pois eu son tía do teu pai, tía avoa túa. Sonche a da calceta, ultimamente doume por aí. Fago cousas de lá para todo o mundo con diferentes resultados pero con boa intención. Tamén a que agasalla cadros cada vez que teño ocasión. Coma decidín vivir sóa ando un pouco a miña bóla pero pódese contar comigo para moitas cousas.

Benvido ao mundo e á familia!