Eleccións galegas

Ou Eleccións e pandemia, tamén podería ser.

Voume referir ás galegas, porque me quedan máis a man, pero podería aplicarse ás vascas, catalás… ou outras que se celebren nunha situación semellante.

O que nos gusta unha polémica! Non entendo moi ben a crítica que se está a facer ao Presidente da Xunta -e xa me custa dicir isto- pola convocatoria de eleccións en xullo.

Vou aclarar por que non o entendo.

É competencia da presidencia do goberno -de calquera goberno- convocar eleccións. As eleccións convócanse cada catro anos, pero dentro desa norma xeral os partidos que ostentan o poder nese momento adoitan elixir a data que cren que máis lle favorece; TODOS, con ou sen pandemia. E parécenos normal -ademáis de legal- á maioría.

Aos gobernos de Galicia e Euskadi pareceulles ben adiantalas, suspendéronse pola pandemia, e agora decidiron celebralas en xullo.

Non vexo polémica por ningures. É máis, entre celebralas en outono ou en xullo case me parece mellor agora. Parece que hai máis posibilidades dun rebrote en outono que no verán. Pór o foco na oportunidade da data elixida só vai server para reforzar o argumento da conveniencia de celebralas agora.

Que hai que facelas con moito tino? Sen dúbida! Pero coma todas as actividades que fagamos nunha situación de inseguridade coma a que estamos a vivir. E non me parece máis perigoso ir votar que ir de rebaixas a uns grandes almacéns, a unha voda con cen invitados, á misa… Penso que non hai que dar argumentos aos que consideran que o de votar -a Democracia- é menos necesario que a Economía.

Que non me agrada concordar co Presidente da Xunta? Pois tamén, pero non quero caer na tentación de facer o que fan os que critican pola cor política sen ton nen son, ás toas.

Por isto pregaríalle aos partidos da oposición que non centrasen a campaña nalgo tan trivial cando hai tantas cousas importantes que afear ao Goberno da Xunta.