Confinamento

Eu tamén vou contar coma pasei todo este tempo.

Antes dicir que as circunstancias de cada quen son moi diferentes e polo tanto as dificultades para manter as restricións de liberdade de movementos, tamén.

As miñas circunstancias groso modo son: Persoa de máis de 65 que vive soa nun piso sen terraza e fumadora. Sen demasiada vida social e “alérxica” as multitudes.

Ben, pois nesas circunstancias dende o primeiro día da alarma pensei que tiña que facer un plan, unha rutina, que me permitise cumprir as normas sanitarias sen que me provocase unha crise de ansiedade.

A primeira decisión que tomei foi saír da casa unha vez ao día para ventilarme eu e para ventilar á mesma vez a miña casa. Ventilar ben a casa estando eu dentro, se vai frío, non me pareceu boa idea e estar respirando permanentemente nun ambiente pouco osixenado, peor. Ademáis tampouco me gusta comer pan reseso ou productos conxelados.

Tamén pensei que debería evitar os lugares pechados con moita xente dentro, polo que decidín mercar na praza e no pequeno comercio no canto das grandes superficies ás que só iria para comprar productos perecedeiros e pesados en moi contadas ocasións.

Así o fixen case tódolos días.

E podo dicir que en todo este tempo cumprín tódalas medidas sanitarias. E non só eu, a xente que estaba na rúa; facendo a compra, cos cans… tamén. E dunha forma esaxerada, diría eu. Mudabamos de beirarrúa cando nos atopabamos en fronte doutro. Dentro das tendas só había unha persoa comprando mesmo que o local tivese aforo suficiente para que poidese estar máis dunha. Eu procuraba utilizar as rúas menos transitadas; nas que hai edificios públicos, colexios, institutos, pequenos parques… E por suposto lavaba as mans antes de saír, ao chegar, puña mascarilla cando ía ao supermercado…

Estou convencida de que non hai ninguén que o fixese mellor, sanitariamente falando.

Ah! pero saía case tódolos días. Non sei se está escrito nalgures que iso non pode ser pero sei que á maioría non lle parecerá ben, utilizando o argumento de que “se todxs fixeran o mesmo…”

Eu penso que se todo o mundo fixera o mesmo ca min (actuar tendo en conta a miña saúde sen prexudicar a dos demais) non serían necesarias tantas prohibicións.

Xa sei -non son tan parva- que a nosa sociedade non está suficientemente educada para iso.

Pero ogallá un día estea preparada para poder seguir unhas recomendacións de emerxencia -polo que sexa- sen necesidade de ter á policía detrás.