Cineuropa 33

Este ano houbo un cambio na dirección e organización do festival. Non souben nada diso ata que me puxen a mirar o día que ía empezar. Ao mirar no buscador atopeime con algunhas novas que comentaban que este ano non era Losa o que o organizaba e outras mesmo dicían que en algún momento temeuse pola súa existencia. Ao parecer este ano había dúas candidaturas para a organización e a de Losa tiña erros administrativos (¿¿??) polo que foi desbotada.

Que coincidiran ámbalas cousas pareceume bastante raro. Logo souben -por unha das partes- que algo houbo pero a verdade do asunto sigo sen sabela.

Sentino porque dende o principio sempre fora director o mesmo e a verdade estabamos moi contentxs, especialmente coa programación.

Estou asistindo, coma tódolos anos, pero cunha certa “curiosidade” polos cambios.

Dende a gala inaugural o novo equipo quería deixar claro que ía ser coma sempre. A presentadora comentou, en tono de humor, que ela pensaba que ía haber novidades… pero que non vía ningunha.

Pasado o ecuador, eu si que atopei alguns matices. Empezo polos que considero favorables.

A pesar de que a empresa organizadora é madrileña o festival está “máis galeguizado”. A Directora e o Subdirector -que estiveron nas presentacións de directoras e directores de películas, entregas de premios…- sempre utilizaron o Galego; O premio que se dou na gala inaugural foi a unha actriz galega, que fixo unha exaltación do uso do galego no cinema…

Tamén estivo “máis feminizado”. Todo o festival xira en torno á muller; “Cuestión de perspectiva” é o subtítulo, o lema. Os premios que se entregaron foron a dúas actrices e unha directora; o 40% dos filmes que se pasaron están dirixidos por mulleres… ademais de que a directora do festival é muller.

A páxina web está mellorada e moito máis activa. As redes sociais, tamén.

E si, botei de menos esas películas raras -non sei se “de culto”- nas que en un momento estás por marchar, pero logo parece que lle vas encontrando o sentido, logo cabréaste porque volves estar perdida… e ao final pode que che acabe gustando, algunhas veces, e outras pensando que tiñas que ter marchado a primeira vez que che pasou pola cabeza.

Tamén botei de menos dúas chorradas; A música de “Qué será, será…” na película sorpresa e no índice de seccións do programa, a páxina na que está cada filme.