Rubalcaba

Traballei con Rubalcaba no Ministerio de Educación, na época de Maravall primeiro, Solana despois -Rubalcaba era Secretario de Estado- e finalmente el mesmo foi ministro. Non vou dicir que o coñecía moito pero nos primeiros gobernos socialistas as relacións entre as persoas que taballaban xuntas era moito máis cercana.

Un bo lote de profesorado entramos no ministerio para por en marcha un programa experimental do que máis tarde sairía a LOXSE. Chamábannos asesores.

Ao tratarse dun programa experimental, o funcionamento era diferente ao organigrama “oficial”, había moitas reunións nas que participaba o Director Xeral correspondente e o Secretario de Estado e mesmo ás veces o Ministro. Tamén era relativamente frecuente que nos chamaran aos seus despachos para pedirnos opinión sobre algún tema específico.

Neste contexto, aínda que as relacións eran laborais non tiñan a rixidez dun encontro moi formal. Todas e todos tiñamos moitas ilusións, moita esperanza e tamén moita confianza na construcción dun Sistema educativo que mellorase a vida da xente e polo tanto da sociedade. Eramos xóvenes “progres” e non valorabamos moito a formalidade.

Con esta experiencia teño que dicir que a Política non foi moi xusta con el. Non podo deixar de dicir que tamén o foi con Maravall -máis inxusta, se cabe- porque Maravall foi cuestionado polos seus compañeiros e tamén polo profesorado -que non paraba de manifestarse en contra das súas decisións -non tiñan nin idea do que viría despois. Pero que eu recorde foi o único que propuxo seriamente a denuncia do Concordato coa santa Sé -feito que lle costou o ministerio, entre outros.

Nunca puden entender porque se ensañaron, nun momento dado, con Rubalcaba. Porque coñecín poucas persoas tan entregadas aos asuntos públicos coma el. Pode que o non ter descendencia directa -por convicción- o fixese entregarse unicamente á súa parella e ao público.

Por que temos que esperar a que alguén morra para recoñecerlle a súa valía?