Modernidade

Non temos termo medio. Ou estamos nun extremo ou no contrario. E cos avances científicos e tecnolóxicos non iamos ser menos.

Non hai moito falaba, neste blog, do plástico e o papel. No canto de concienciarnos da reutilización e da reciclaxe do plástico decidimos cambialo polo papel, coma se a utilización abusiva do papel non nos levara a outro “delito” ecolóxico. Volvo sobre este tema porque hai pouco vin nas redes un vídeo que nos anima a mercar os dentífricos que non veñan empaquetados en caixas de cartón (que por certo non sei se aquí -o vídeo creo que era islandés- hai algunha empresa que faga iso).

A mín paréceme que cos adiantos tecnolóxicos comportámonos coma novos ricos, sen medida. Sacamos a bandeira da asepsia e veña… a superempaquetar todo coma se non houbese un mañán -e nunca mellor dito. Recordade o da laranxa pelada e envolta nun plástico.

Moitas aínda recordamos ir ao ultramarinos mercar productos  alimentarios a granel. Viñan en sacas e vendíanos en bolsas de papel, levar a nosa propia bolsa de tea ou cesta, devolver os envases de vidro… Tamén nos desmaquillabamos cun producto limpador e unha esponxiña, por suposto reutilizable. Tamén, as persoas operadas de hemorroides utilizabamos papel hixiénico húmido -por recomendación da cirurxiá- para as defecacións e o seco para a micción.

Agora utilizanse toallas de papel para desmaquillarnos e papel hixiénico húmido para todo. Ao final todo remata no váter. E cal é a solución? prohibir a fabricación deses productos?

Non estou en contra dos avances, o que me cuestiono é a cualidade dos avances. Está a pasar coa tecnoloxía; non paran de saír novos productos “máis avanzados” que o anterior, que para a maioría dxs usuarixs non ten utilidade engadida algunha.

En algún momento alguén empezará a analizar as materias primas dos aparellos informáticos; como se conseguen, cal é a súa composición… Pediremos que se prohiba a súa fabricación?

Non todo se pode solucionar con prohibicións. A cidadanía ten que ser responsable das súas acuacións, non deixarse enganar polo desmedido afán de enriquecemento dalgúns.

Os avances deben responder ao criterio de comodidade pero tamén ao de sustentabilidade.

Advertisements

“Labores del Hogar”

Empecei facer “terapia ocupacional” de calceta. Agora disque lle chaman “o novo ioga”.  A verdade é que empecei por enredar un pouco, especialmente nas tardes de inverno no canto de pasalas na casa co ordenador ou a tele -ou as dúas cousas.

Non se me dá mal e pensei que ao mellor é porque cando era pequena tiven que facer, porque así o esixía o sistema educativo do momento -Plan de estudios de 1957-, Labores do fogar.  En realidade non se chamaba así, chamábase Formación del Espíritu Nacional, pero era diferente para as nenas e para os nenos. Para as nenas eran “labores” e cousas que nos preparasen para a vida da casa, e para os nenos non sei moi ben, pero eran coñecementos da lexislación do Movemento… cousas que os preparasen para a vida pública.

Se estudiabas por libre -o meu caso- había que presentar un álbum coas labores indicadas para cada curso e non recordo se había que facer un exame ou non.

Foto el 4-3-19 a las 10.26.jpeg

Suprimiuse esa asignatura e non sei moi ben o por que. Supoño que foi porque se consideraba discriminatorio pero a min paréceme que co canto se suprimila habería que adaptala e que os dous aspectos fosen tratados. Refírome especialmente a introducir, para nenos e para nenas o tema da costura, bordado, calceta, gancho… que na actualidade chamaríase “Tecnoloxía téxtil” ou algo así. Non todo o “feminino” ten que ser malo nin bo en xeral, o lóxico sería ir collendo o bo do masculino e o bo do feminino. Parece que o estamos facendo ao revés, agora os homes depílanse e as mulleres non cosemos, por exemplo.

Por moito que nos informaticemos sempre nos virá ben unha certa habilidade manual e capacidade de atención e concentración. Non hai máis que mirar a destreza da xente máis nova cando, por exemplo, ten que envolver un agasallo ou calquera traballo no que hai que utilizar as mans.

 

 

Promesas electorais

Por moito que nos libraramos do bipartidismo a realidade é moi tozuda e para gobernar hai que ter unha maioría parlamentaria. Porque é no Parlamento onde se elixe ao presidente -si, presidente, no noso caso non hai opción a que poida ser presidenta.

XS xornalistas empéñanse en que os políticos se manifesten na campaña electoral con quen poden facer alianzas e con quen non. Tamén os políticos se manifestan nese senso.

Tal e como están as cousas na actualidade e como eu o vexo, non é posible saber como se vai formar un goberno antes das votacións. O normal é facer alianzas entre partidos afíns, pero pode que non sexa posible. Xa vimos esta situación e pode que a volvamos ver.

Agora mesmo estou vendo coma Podemos tenta traer ao seu partido a votantes do PSOE co argumento de que pode ser que o PSOS pacte con Cs. E si, pode ser pero eu tamén me pregunto que pode pasar se PSOE e Podemos non teñen maioría e PSOE e Cs si. Vou aclarar que non son votante do PSOE polo que non teño especial querencia por ese partido. O que si sei e que se tivera eu que elixir un goberno do PSOE apoiado por Cs ou un do PP ou de Cs apoiado por Vox, ou mesmo só de PP e Cs creo que preferiría PSOE con Cs.

Loxicamente non sería a miña primeira elección, nin sequera a segunda. Pero tendo en conta que só Podemos ou só PSOE non é posible, a mellor das opcións posibles sería -para min- Podemos – PSOE ou viceversa. Logo nin o PSOE debería facer campaña contra Podemos nin Podemos contra o PSOE. Eu teño moi claro cales son os enimigos e cales son posibles aliados. E Tamén con cal dos enimigos me xuntaría se non queda máis remedio

As consignas de campaña deberían ser: animar á xente a votar -ás de esquerdas faille falta- e explicar o que pensas facer se gobernas. Xa virán os acordos postelectorais unha vez que se coñezan os resultados.

Sería máis sinxelo para o electorado e os partidos non terían que desdecirse.

Pero nesta dinámica de cabreo permanente quedan desdibuxados os obxectivos fundamentais -para min, agora mesmo, non seguir perdendo dereitos básicos.