Crise

Estou en crise. Non sei se será de idade porque non teño coñecemento de que estea recoñecida a crise dos 60, dos 70, dos 80…

Aínda que eu estou convencida de que as ten que haber. Hai idades nas que as circunstancias favorecen determinados estados de ánimo. A algunhas se lles recoñecen socialmente as crises: aos tres anos recoñéceselle como normal a cabezonería por querer mostrar a autonomía; na adolescencia pola construcción da propia identidade… Pero chegando a idade adulta avanzada parece que só se pode entrar en crise polos problemas económico ou de saúde. Case ninguén entende que se tes un soldo ou pensión decentes; unha saúde normal; unha parella e uns fillxs que non teñen tampouco problemas graves -xs que teñan-… non tes por que ter unha crise.

Como é? Pois na superficie -seique non sempre as causas son as que parecen- é coma a canción de Brassens, La mauvaise réputation, que tamén cantou en castelán Paco Ibáñez.

Haga lo que haga es igual

Todo lo consideran mal,

Yo no pienso pues hacer ningún daño

Queriendo vivir fuera del rebaño;

Pero a cousa non remata aí porque xa non é só que faga todo mal, senón que se non fago nada tamén son responsable de moitas cousas malas que pasan.

E claro, chegou un momento que me petou un pouco a cabeza; instalóuseme nela a lavadora centrifugando en seco. Para xs que non me coñezan moito eu acostumo facer o símil da lavadora na cabeza cando te obsesionas con algo, empezas a darlle voltas de forma descontrolada e sen ser quen de parala; non atopas solucións ou as que atopas son extremadamente radicais.

Agora tócame asumir que vivir -entender a vida- de forma pouco convencional pasa a súa factura e buscar a forma de pagala sen “morrer no intento”.

Son bastante racional e coido que atoparei a maneira.

 

Advertisements