Sanxenxo, Sangenjo, Sanjenjo…

Onte a asociación Hablamos Español fixo en Sanxenxo unha recollida de sinaturas para levar adiante unha iniciativa lexislativa popular. Non sei moi ben cal é a finalidade desa iniciativa porque o que trascendeu foi que a finalidade é cambiar o nome de Sanxenxo polo de Sanjenjo ou Sangenjo –tamén hai controversia respecto de se en castelán sería con dúas “j” ou con “g” e “j”. Xa postos mellor con dúas “j” dado que esa letra non existe en galego.

Houbo algo de bulla. Pode que pouca para as expectativas da organización. Normal, que che veñan dicir na túa cara como te tes que chamar…

Parece que a iniciativa foi promovida pola presidenta de Galicia Bilingüe, sobradamente coñecida polo seu antigaleguismo, que non ten nada de bilingüe porque nese caso aceptarían as dúas formas.

Pero, como eu o vexo, a cuestión non é tanto o nome coma as ganas de provocar e favorecer enfrontamentos e crispación.

Cos topónimos, e tamén cos nomes propios, temos tendencia a traducilos. Pero a norma é respectalos coa súa grafía e pronuncia orixinais. Se eu lle chamase Isabel a unha que se chame Elizabeth pode que non me responda porque non se recoñeza nese son, o mesmo que se pregunto en China por onde vou a Pekín.

Por que facemos iso? Pois pola nosa discapacidade para a pronuncia de palabras noutra lingua.

Está claro que aos castelanfalantes cóstalles pronunciar o “x” pero penso que iso non lles xera o dereito de mudar as palabras que o conteñan.

E a pronunia do nome de Sanxenxo castelanizado nunca foi un problema. A xente autóctona entende, e non recrimina, xs que din “Sangenjo”. Polo tanto non entendo o interese en querer converter a forma castelanizada en oficial.

En realidade si que o entendo. Hai que reavivar o enfrontamento no uso las linguas e pór no “candeeiro” as asociacións e partidos que defenden o uso do castelán.

Que será o seguinte? Chamarlle El Roblecito a O Carballiño?

Advertisements