Cotifando

Todas as persoas levamos unha cotifeira dentro. A cuestión é se somos quen de controlala.

Algunhas veces facémolo por algunha razón pouco morbosa. Por exemplo: eu, cando vin a relación de nomes das persoas que forman o Goberno sentín moita curiosidade polo estado civil das Ministras. A razón? Pois que eu teño unha teoría respecto das mulleres que chegan a ocupar postos importantes na política ou noutros traballos; que a maioría son solteiras e/ou libres de “cargas” familiares. Sen pretender darlle relevancia científica a verdade é que moitas veces isto é así. Nos poucos casos que non se cumpre esta premisa hai unha situación económica moi desafogada.

Pero polo xeral o morbo, a maldade, están presentes en calquera cotifada. Cando unha persoa se fai coñecida -polo que sexa- sempre aparecen outras que a queren enlamar ou xustificar -segundo o caso- sacando a relucir cousas irrelevantes tratadas como moi relevantes.

No caso que está sendo estrela nas redes “A manada” o morbo estivo presente dende o primeiro minuto. Os defensores dos “abusadores” recorren a desacreditar a vítima co seu “comportamento relaxado” e facendo notar o guapos e machos que son eles, polo que calquera muller estaría máis que contenta de que se fixaran nela. Que noxo!

Pero penso que xa tivemos abondo de porquería. Hai unha condena e ata que non se produza outra son culpables. Xa sabemos todo o que hai que saber do asunto. Xa os medios lle deron voltas ao sumario, viron os vídeos… Non entendo como se pode seguir defendendo a liberdade de información neste caso. Calquera cousa que se poida dicir agora xa non é nada novo -audiencias aparte-, é volver repetir o mil veces dito e engadir algunhas “opinións”.

Por certo, gustaríame saber en que momento se lle empezou a chamar opinión á interpretación -coma lles sala de alí- dos feitos; de tal maneira que en vez de desvirtuar a realidade, opinan.

Confío en que se impoña a decencia.

Advertisements