Rexeneración da cidadanía

Dende sempre veño mantendo que as reivindicacións e protestas na rúa teñen que ir da man coas actuacións necesarias para resolver o conflicto. E non me refiro ás actuacións das persoas que xestionan as sociedades, que tamén, senon a toda a cidadanía.

Os partidos teñen que rexenerarse pero a cidadanía tamén.

As persoas que se dedican a Política dende sempre, que nunca desenvolveron unha actividade profesional fóra dela, acostuman a ser criticadas por descoñecer e estar lonxe do mundo real. Pero se o pensamos un pouco, nunha sociedade moralmente laxa é moi complicado que alguén poida chegar “impoluto” a desempeñar un cargo público -Monedero, Huerta…, poño estes exemplos porque o que fixeron foi anterior a súa actividade pública, coma cidadáns “normais”. Só se dende que naces xa está determinado que vas ser política poderás chegar a selo sen mancha algunha.

Copiar nun exame, desgravar a segunda vivenda, pagar unha empregada do fogar sen contrato, pagar sen factura -sen IVE- un arranxo na vivenda, utilizar as amizades para pequenos privilexios coma adiantar unha cita co médico… Cantas persoas -na nosa sociedade- non fixeron algunha destas cousa, ou outras peores?

Por que unha persoa pública do centro ou do norte de Europa dimite con máis facilidade que unha do sur? Pois eu penso que é porque as sociedades ás que pertencen son máis rigorosas cos comportamentos insolidarios ou trampulleiros e polo tanto elas, como parte desa sociedade, consideran normal asumir a consecuencia dunha conducta inadecuada.

Coma dicía, se a sociedade é moralmente laxa é moi difícil que dela saian políticos exemplares. Penso que o estamos facendo ao revés, pretendemos que as persoas que se dedican á política teñen que ser as que co seu exemplo nos “convertan en cidadáns exemplares” no canto de considerar que se a cidadanía ten boa saúde moral as persoas que se ocupen de dirixila tamén a terán.

Por que tanta xente é tan indulxente coa corrupción? Pois seguramente porque consideran que non é algo moi grave, que algunha desas cousas son as que fai “todo o mundo”.

É necesario unha rexeneración da cidadanía. Mentras sexamos tan benevolentes coas “microcorrupcións”, “corruptelas”… ou coma lle queiramos chamar… mal o vexo.

 

 

Advertisements