Pouco a pouco

Os dereitos non se conseguiron dunha tacada. Nin se perderon doutra. Fóronse conseguindo pouco a pouco, con moito esforzo e tamén nolos roubaron aos poucos -entre outras razóns porque se os perderamos todos á mesma vez seguramente non o consentísemos.

Á miña xeneración tocoulle conseguilos. Perdémolos e agora toca recuperalos. Amolaríame moito que se truncase o proceso pola ansiedade de querer facer todo á mesma vez.

Estou a ver como asociacións de todo tipo están a queixarse da insuficiencia das medidas que se están a tomar. Non vou comentar as que teñen que ver coa economía porque aínda que as políticas económicas poden crear marcos que favorezan a igualdade, está claro que conseguir que os empresarios asuman que cunha menor desigualdade tamén poden conseguir moitos beneficios vai máis aló da lexislación.

Voume referir a outras medidas máis ideolóxicas coma a relixión ou as migracións.

No tema relixioso temos moi presentes dous temas: o Concordato e o Val dos caídos.

No do Val dos caídos parece que sacar de aí a Franco e a José Antonio está en marcha. Ben! Pero parece que non é suficiente -e non o é- e hai que tirar a cruz e desacralizalo. Como eu o vexo iso hai que facelo, pero despois de denunciar o Concordato.

A Igrexa non ten especial interese en ter aí a eses personaxes, pero o de desacralizar o lugar xa é outro conto, non vai estar tan receptiva. E se hai que empezar unha batalla eu preferiría a do Concordado, que condiciona a laicidade do estado, que a desacralización do Val dos caídos. Xa sei que se me pode rebatir moi facilmente este argumento: pódense facer as dúas cousas. E si, eu tamén o penso. Pero non á mesma vez. Ter aberas dúas frontes non me parece estratexicamente boa idea “quien mucho abarca, poco aprieta”.

Eu pediríalle a estas asociacións que pospuxeran a desacralización e reivindicaran como algo prioritario a denuncia do Concordato. Sen el, o resto sería máis doado.

Algo parecido pasa coas migracións. O problema non se vai resolver de raíz ata que non se resolvan os problemas nos países de orixe, polo que de momento habería que conformarse con medidas “menos malas”. Pórse a esixir as “perfectas” pódenos levar ao extremo oposto -no que están moitas persoas e países.

Advertisements

O touciño e a velocidade

Non debería haber problema para diferencialos, pero si.

Asómbranme as interpretación -ou case mellor invencións- das normas segundo nos interesa.

Os violadores interpretan que obrigar a unha puta a ter relacións sexuais  non é violación porque elas xa teñen relacións sexuais con homes que non lle gustan.

Xs xornalistas interpretan que publicar a intimidade dunha persoa non é delito se a persoa é coñecida e polo tanto a súa intimidade pasa a ser información de interese xornalístico. Tamén deixa de ser delito se a persoa revelou en algún momento algo íntimo e lle pagaron por facelo.

E o que é peor, moitas persoas -demasiadas para o meu gusto- están dispostas a xustificar unha falta ou mesmo un delito con argumentos “morais”.

Por exemplo: se tes unha relación incipiente cun home, chegas á fase de tocamentos pero non queres chegar á penetración -única acción considerada acto sexual para moitos homes- entón pode pasar que ese home pase dos teus desexos e te viole ou que se cabree e te chame “calientabraguetas” -ou algo parecido porque pode que esa palabra non se utilice agora. Mesmo se o comentas seguro que haberá alguén que che bote na cara que non tiñas que ter chegado tan lonxe se non querías “consumar”.

Outro exemplo máis suave que estou vendo estes días nas redes: Se publicas en boca doutra persoa algo que non dixo, non fai falta que te desculpes porque esa persoa “é impresentable, gilipollas… e se non o dixo seguro que o pensaba.

Estamos chegando a un punto no que xa pensamos a miña moral é norma legal, que eu podo afirmar que o que dixo algún é mentira porque eu sei que pensa outra cousa…

E nesas estamos, se unha persoa é de “moral distraída” calquera cousa que lle pase será “culpa” súa.

Cotifando

Todas as persoas levamos unha cotifeira dentro. A cuestión é se somos quen de controlala.

Algunhas veces facémolo por algunha razón pouco morbosa. Por exemplo: eu, cando vin a relación de nomes das persoas que forman o Goberno sentín moita curiosidade polo estado civil das Ministras. A razón? Pois que eu teño unha teoría respecto das mulleres que chegan a ocupar postos importantes na política ou noutros traballos; que a maioría son solteiras e/ou libres de “cargas” familiares. Sen pretender darlle relevancia científica a verdade é que moitas veces isto é así. Nos poucos casos que non se cumpre esta premisa hai unha situación económica moi desafogada.

Pero polo xeral o morbo, a maldade, están presentes en calquera cotifada. Cando unha persoa se fai coñecida -polo que sexa- sempre aparecen outras que a queren enlamar ou xustificar -segundo o caso- sacando a relucir cousas irrelevantes tratadas como moi relevantes.

No caso que está sendo estrela nas redes “A manada” o morbo estivo presente dende o primeiro minuto. Os defensores dos “abusadores” recorren a desacreditar a vítima co seu “comportamento relaxado” e facendo notar o guapos e machos que son eles, polo que calquera muller estaría máis que contenta de que se fixaran nela. Que noxo!

Pero penso que xa tivemos abondo de porquería. Hai unha condena e ata que non se produza outra son culpables. Xa sabemos todo o que hai que saber do asunto. Xa os medios lle deron voltas ao sumario, viron os vídeos… Non entendo como se pode seguir defendendo a liberdade de información neste caso. Calquera cousa que se poida dicir agora xa non é nada novo -audiencias aparte-, é volver repetir o mil veces dito e engadir algunhas “opinións”.

Por certo, gustaríame saber en que momento se lle empezou a chamar opinión á interpretación -coma lles sala de alí- dos feitos; de tal maneira que en vez de desvirtuar a realidade, opinan.

Confío en que se impoña a decencia.

Rexeneración da cidadanía

Dende sempre veño mantendo que as reivindicacións e protestas na rúa teñen que ir da man coas actuacións necesarias para resolver o conflicto. E non me refiro ás actuacións das persoas que xestionan as sociedades, que tamén, senon a toda a cidadanía.

Os partidos teñen que rexenerarse pero a cidadanía tamén.

As persoas que se dedican a Política dende sempre, que nunca desenvolveron unha actividade profesional fóra dela, acostuman a ser criticadas por descoñecer e estar lonxe do mundo real. Pero se o pensamos un pouco, nunha sociedade moralmente laxa é moi complicado que alguén poida chegar “impoluto” a desempeñar un cargo público -Monedero, Huerta…, poño estes exemplos porque o que fixeron foi anterior a súa actividade pública, coma cidadáns “normais”. Só se dende que naces xa está determinado que vas ser política poderás chegar a selo sen mancha algunha.

Copiar nun exame, desgravar a segunda vivenda, pagar unha empregada do fogar sen contrato, pagar sen factura -sen IVE- un arranxo na vivenda, utilizar as amizades para pequenos privilexios coma adiantar unha cita co médico… Cantas persoas -na nosa sociedade- non fixeron algunha destas cousa, ou outras peores?

Por que unha persoa pública do centro ou do norte de Europa dimite con máis facilidade que unha do sur? Pois eu penso que é porque as sociedades ás que pertencen son máis rigorosas cos comportamentos insolidarios ou trampulleiros e polo tanto elas, como parte desa sociedade, consideran normal asumir a consecuencia dunha conducta inadecuada.

Coma dicía, se a sociedade é moralmente laxa é moi difícil que dela saian políticos exemplares. Penso que o estamos facendo ao revés, pretendemos que as persoas que se dedican á política teñen que ser as que co seu exemplo nos “convertan en cidadáns exemplares” no canto de considerar que se a cidadanía ten boa saúde moral as persoas que se ocupen de dirixila tamén a terán.

Por que tanta xente é tan indulxente coa corrupción? Pois seguramente porque consideran que non é algo moi grave, que algunha desas cousas son as que fai “todo o mundo”.

É necesario unha rexeneración da cidadanía. Mentras sexamos tan benevolentes coas “microcorrupcións”, “corruptelas”… ou coma lle queiramos chamar… mal o vexo.

 

 

Monedero

Moitas persoas que queren atacar a Monedero acúsano de machista e as que o queren defender din que iso non é machista porque el é así de afable, cercano… tocón. Polo incidente con Sáenz de Santamaría.

Non vou entrar en se o saúdo bicándose é machista ou se a cortesía deste tipo de saúdo inclúe o agarrarte dos ombreiros ou só acercar a cara, cando se trata dunha persoa coa que non te une unha relación persoal.

A min a actuación de Monedero paréceme moralmente de prepotencia, chulesca… e fisicamente coercitiva e intimidatoria.

Paréceme chulesca porque diríxese a unha persoa que se supón está cabreada porque lle aconteceu algo moi desagradable para ela e el acércase para dicirlle –cunha actitude aparentemente amigable- que se alegra de que o esté pasando mal.

Paréceme intimidatoria e coercitiva porque continúa agarrándoa –manténdoa a unha distancia moi curta del- despois de darlle os bicos, sabendo que hai un montón de cámaras gravándoos e polo tanto non lle dá a posibilidade de librarse del sen recorrer a algún movemento brusco que podería ser interpretado como violento ou cando menos politicamente incorrecto. Nunha situación así moitas nos sentiriamos intimidadas. E sinceramente, son máis partidadia de pedir permiso que de pedir perdón.

Por que centrar o asunto en se o acto é machista ou non? Un roubo con intimidación e agresión física –por exemplo- sería un delito grave ou leve por ser machista ou non?

Penso que alguén pode comportarse coma un gilipollas sen ser machista e tamén que alguén que nun momento se comporta de forma machista –todxs o fixemos en algún momento polo patriarcado no que nos educamos- sexa boa xente.