As cartas de Simone

Hai unha frase, que aparece de cando en vez nas redes, atribuída a Simone de Beauvoir -vouna dar por certa, con isto das redes nunca se pode dar nada por veraz- “O feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente” que penso non practican moitas feministas e moitos feministos.

Estxs feministxs fan moitas manifestacións de todo tipo en contra do patriarcado e do machismo pero de portas adentro seguen a manter os papeis asignados pola sociedade patriarcal, educando a súa crianza -inconscientemente, supoño- neste modelo.

As persoas que levantan polémica pola publicación dunhas cartas de amor “bastante cursis” de Simone de Beauvoir penso que o fan sen considerar a época na que viviu. Eu son posterior a ela, bastante, pero supoño que a sociedade na que vivín eu cando era nova podía ser moi parecida á que viviu ela coa mesma idade.

Non sei se ela facía o mesmo ca min, pero vouvos contar o que facía eu.

Considero que vivín dunha forma moi libre pasando desapercebida; no terreo persoal, non era a maior nin a máis pequena dos irmáns, nin era varón, polo que non acaparaba o centro de atención familiar; e no profesional era docente, sector no que o machismo era menos virulento. Na época de estudante adulta vivía nun piso compartido, “sen pais”. Todo isto facía que poidese vivir con moita leberdade de actuación. Tampouco casei nin tiven descendencia, mascotas ou plantas e polo tanto tampouco o grao de atadura que iso representa.

Cando chegou o momento das relacións de parella mesturaba amor e sexo de forma semi-inconsciente basicamente por dúas razóns; por unha banda eu sentíame mellor conmigo mesma tendo relacións sexuais con alguén do que “estaba namorada”, menos pendón, e socialmente estaba menos criminalizado; e por outra, a persoa coa que me deitaba tamén se sentia mellor, facíalle sentirse máis valorado e non te trataba coma unha “fresca”.

Que non digo eu que me deitara con persoas que me caían mal… algunhas veces eran amigos, pero de aí a que os considerara “parella formal”…

Este tipo de actuacións -o mesmo que esaxerar o placer- é pouco feminista? Pois supoño que unha feminista de hoxe diría que si.

Para min foron pequenos matices que me permitiron vivir con un grao de liberdade moito maior que a maioría das mulleres da miña idade.

Como dixen, pode que a Simone lle pasara algo parecido.

Advertisements