Cataluña

Hai tempo que non comento cousas que vexo na vida cotiá, e non porque ultimamente non as vexa, pero é que case sempre son de escenas machistas protagonizadas por mulleres e iso non “está de moda” subliñalo. Ao parecer iso é pola educación que recibimos, coma se os varóns non recibiran tamén unha educación, a mesma educación patriarcal e machista. Todos e tamén todas temos que desprendernos do “lastre” educativo que recibimos.

Pois ao que ía. Estou nunha viaxe do IMSERSO, que dan para moito observar. Por exemplo a pouca querencia que lle temos as persoas xubiladas ás riolas.

Cando chegamos ao hotel formouse unha masa compacta na recepción na que metía medo adentrarse. Algunhas persoas decidimos quedarnos nas aforas da masa e puxémonos de charla. Achegouse un home, que tamén viaxa só. O “cuñado”. Enseguida quixo saber quen ía con quen ata que quedou claro que eu ía soa. Empezou a tomar a iniciativa, contounos que el fixera moitas viaxes moi longas; Singapur…, moi complicadas; no medio de tormentas… e, como non, saiu Cataluña.

Unha parella das que estaba na conversa ten un piso en Cataluña e comentaba que a xente estaba preocupada pero logo, cando concretaban, referíanse a camareiros galegos que estaban traballando alí e que decían que se poidesen volverían para Galiza. ???? Tamén saíu o tópico de que se parten as familias por iso, coma se nou houbese familias que non se falan por outros moitísimos motivos.

Non teño costume de opinar de política nestas situacións, o mundo IMSERSO non é maioritariamente de esquerdas precisamente, pero coma iamos estar esperando moito tempo, atrevinme a dicir que moitos cataláns son nacionalistas e queren que se lles recoñeza o dereito de autodeterminación pero non son independentistas, polo que se o tema se tivese tratado mellor non estariamos onde estamos.

O “cuñado” díxome: ti dáme a impresión de que debes ser das Mareas ou algo así. Díxenlle que si, que algo así. E foise.

Para que digamos que os cataláns están moi radicalizados.

 

Advertisements