Adoutrinamento

Pode que esta sexa unha das moitas palabras que van mudando o seu significado a medida que se van “popularizando” porque se me fío do Dicionario da Academia Galega non lle vexo o sentido pexorativo por ningures.

Adoutrinar. verbo transitivo. Instruír nunha doutrina.

Doutrinasubstantivo feminino. 1. Conxunto de ideas ou principios que pretenden dar unha explicación a un fenómeno en relixión, filosofía ou política.

Segundo estas definicións -e segundo eu o vexo- a educación ten moitísimo de adoutrinamento e moito tamén de represión.

Cada sociedade ten unhs valores -vou supoñer que democráticos- que se transmiten normalmente de adultos a infantes e si, transmítense instruíndo. “Instruír. Verbo transitivo. 1. Proporcionar a [alguén] os coñecementos necesarios para a súa educación. 2. Facer adquirir a [alguén] os coñecementos, a técnica e a práctica precisas para certa actividade.

Por que digo represión? Pois porque tamén penso que cando ensinamos a un bebé a comer con instrumentos -os que sexan segundo a cultura-, por exemplo, estamos reprimindo un instinto natural de comer coas mans, que por certo nalgunhas culturas non se reprime.

E o mesmo se podería aplicar a outras moitas accións que socialmente consideramos que melloran a convivencia e por iso de poñen normas que todxs aceptamos e que nos restan liberdade; movernos pola dereita ou pola esquerda, deixar saír antes de entrar… e todos os convencionalismos sociais que cada sociedade utiliza.

Se o que se quere dicir é outra cousa, pois eu que sei… que digan corromper, malcriar… pero que non se dé a una palabra un significado pexorativo cando é laudatorio.

Eu pediría que na medida do posible utilizaramos a linguaxe -o significado das palabras- da forma máis exacta posible porque vai chegar un momento que perda a súa utilidade: comunicarnos de forma que a mensaxe emitida se corresponda coa percebida.

Bastante difícil é emitir exactamente o que queremos dicir e que o receptor ententenda a mensaxe coma para introducir elementos distorsionantes -palabras con significados inexactos. Evitaríanse moitos malentendidos -ou malexpresados que diría unha amiga miña.

Por favor, prégovos que utilicedes as palabras co seu significado, e en “adoutrinar” e “escrache”, que se oen moito agora, especialmente.

Advertisements