Trama si, trama non

Xa estamos! Empezan as opinións e as análises partidistas.

Onte entrevistaron en El Intermedio a un xornalista “experto en incendios de Galiza”. Polo que eu lle entendín non hai intereses particulares da especulación urbanística nin dos brigadistas e tampouco é ningunha trama. Segundo el hai coma uns 150 pirómanos recoñecidos que, levados pola fascinación polo lume, sofren un “efecto contaxio”.

Aceptando esta hipótesis -que eu non comparto- penso que se isto fose así non debería ser moi complicado telos controlados e aplicar con eles medidas preventivas, coma se fai en moitísimas outras situacións. Non facelo pareceríame bastante irresponsable.

E, botarlle a culpa a Feijoo paréceme igual de absurdo que botarlla a Touriño no 2006. Responsabilizar ao Presidente de turno paréceme unha utilización partidista -e simplista- dunha desgracia, coma xa se fixo -e aínda se fai- co terrorismo.

Con máis e mellores medios pódense atacar os problemas con maior efectividade, non creo que ninguén pense o contrario. Pero os medios non resolverían o problema, simplemente atenuarían as consecuencias. Trátase de que non se produzan incendios intencionados.

Logo a nai do año está en se os incendios son provocados por pirómanos que se contaxian ou se realmente hai unha trama organizada.

Que eu saiba nunca se levou a cabo unha pescuda “a fondo” que determine cal é a realidade. Porque tamén poidera ser que haxa unha trama que utilice aos pirómanos. Se realmente están identificados sería moi sencillo.

As discusións de se había poucos medios -con tal número de focos, tamaño e condicións meteorolóxicas nunca van ser dabondo-, se non estiveron ben xestionados… non vai resolver os próximos que se produzan.

A solución ten que estar na prevención. Pero non na de campañas de “ton tires cabichas”.

Para min a prevención está na política forestal acompañada do control dos incendiarios -pirómanos ou non-, e para isto hai que investigar “de verdade”.

Advertisements