Isto é unha trama

Unha cabicha pode provocar un incendio. Tamén o poden producir unha grellada, unha queima de restrollos, un raio, un tolo pirómano… Pero non é o caso.

O que está a acontecer é unha trama perfectamente organizada que os provoca. Ocorren a unhas horas determinadas e cunhas condicións climatolóxicas moi concretas. Por iso se desenvolven tanto e tan rapidamente.

Non digo que a política forestal, os medios materiais e a organización dos efectivos non teñan moita importancia á hora de evitar e de combater o lume. Pero sen luz para que poidan actuar os medios aéreos e cun vento endemoniado que non permite traballar xs brigadistas -hai que recordar que os cambios na dirección do vento xa se cobraron algunhas vidas- pouco se pode facer aparte de poñer a salvo ás persoas e aos animais.

Ademais de todas as medidas de prevención que se poidan tomar é necesaria unha investigación moi seria e rigorosa para pescudar quen está detrás da execución destes actos terroristas. O mesmo que se indaga calquera outra trama terrorista ou económica. Porque non me imaxino eu a uns poucos “matados” poñéndose de acordo para para provocar semellante desfeita.

Respecto dos intereses que hai detrás sempre se fala en abstracto; primeiro que se eran as celulosas, logo os gandeiros, os promotores de vivendas… ata os propios brigadistas ou os que defenden a vexetación autóctona… Pero falar por falar non resolve, hai que ir ao miolo.

Até o de agora non vin que se pescudase isto coa contundencia suficiente. Preguntar aos viciños se viron alguén sospeitoso ou deter a alguén -mesmo que sexa culpable- non vai rematar coa “mafia”, para iso hai que ir moito máis aló.

O risco 0 non existe, pero acabar coas mafias do lume estaría ben.

Advertisements