O escarranche

Gústanme Carmena e Oltra -un pouco menos Colau- por esa sabedoría que teñen para elixir os trapos aos que entran. Hai pouco pregúntaronlle a Oltra polo “enfado” de Podemos, polas opinións de Compromís sobre a moción de censura, e a resposta -versión reducida- foi ya se les pasará. Antonte pregúntaronlle a Carmena polo escarranche -despatarre ou manspreading, segundo o idioma, que tampouco entendo por que hai que utilizar palabras dunha lingua cando se está a falar noutra-. A resposta foi que hai persoas que ocupan máis espazo do que precisan, co seu corpo, con bolsos ou bolsas que poñen no asento do lado… e que iso non é cívico.

Penso que iso é cultura de Paz, o contrario do que fan a maioría de políticos e de xornalistas que buscan o conflito no canto da conciliación.

Considerar o escarranche coma unha actitude machista paréceme que son ganas de aumentar a crispación entre homes e mulleres por algo nimio.

Agora que Carmena falou do tema como un acto incívico xa me sinto con forza para dicir o que penso ao respecto. Podemos e Feminismo son dous movementos que levan moi mal que discrepes deles, aínda que sexa un pouquiño.

No transporte público, o mesmo que en calquera lugar público, hai moitos actos incívicos. Pero acotando á ocupación do espazo temos -como mínimo- o escarranche, ocupar o asento do lado con obxectos e poñer os pés no asento de en fronte. Que a este último acto véxolle eu dobre delito; ocupar o espazo e manchar o asento.

Sentarse coas pernas abertas non é exclusivo dos homes, é cultural, cultural machista. Cando era pequena as nais estaban moi pendentes de que te sentaras coas pernas xuntas -para que non se che viran as bragas, supoño-. Pero entendo que se estaban preocupadas por iso era porque, de forma natural, sentabámonos con elas abertas.

E aínda hoxe. Recordo unha escea: nun acto público estaba a familia real, todos sentados. Nun momento a raíña fíxolle acenos a unha das infantas para que pechase as pernas.

Logo, tal e coma eu o vexo, o das pernas abertas é unha cuestión de comodidade e pechalas para non ocupar o espazo da persoa que vai ao lado unha cuestión de civismo.

E nada máis, nin nada menos.