Cultura de Paz

Non temos cultura de Paz. Parafraseando a Rajoy, non só non temos cultura de Paz senon que temos cultura de guerra -de violencia, de dominio…

Da cultura de guerra saen a maioría dos males sociais: racismo, clasismo, patriarcado, machismo, xenofobia… Pero a orixe é a mesma, a crencia de que unhas persoas ou grupos son superiores a outras e esa superioridade “xustifica” o dominio dunhas e o sometemento doutras.

O problema, segundo eu o vexo, é que estamos máis pendentes das partes que do todo e temo que estamos chegando a un punto en que as árbores non nos deixan ver o bosque.

Todxs denostamos a loita pola supremacía que exerce un home sobre unha muller ou dun branco sobre un negro… Pero a loita polo poder está moi interiorizada socialmente e ata considerada como algo perfectamente lexítimo. Ata hai un dito da “sabedoría” popular que di que na guerra e no amor todo está permitido.

O binomio loita e limpa non existe o mesmo que non existe o de guerra e xusta.

E volvendo ao das árbores e o bosque quero facer unha afirmación e algunhas preguntas sobre o debate de investidura.

Hernando utiliza unha circunstancia persoal -sentimental- de Iglesias para “burlarse” del e “atacalo”. Iso é unha actuación machista.

Iglesias é Rivera utilizan argumentos persoais -ou polo menos non políticos- para “meterse” un co outro e descualificarse  mutuamente. Como se chaman estas actuacións? Violencia verbal? Loita polo poder? Pelea de machos alfa?

Porque se é unha pelea de machos alfa -eu penso que si- eu tamén a cualificaría de machismo. Non hai mada máis machista que os machos alfa.

Que digo eu… Se un dos dous fose unha muller, estariamos todxs falando de machismo sen ningún xénero de dúbidas?

Iglesias non atacou persoalmente a Ábalos, pode que fose porque non o considera macho alfa. Punto para Ábalos.

Que non aceptemos a violencia machista, económica, racista… non quere dicir que teñamos que aceptar -ou considerar menos relevante- a violencia entre iguais.

A Violencia é a nai de tódalas violencias.

Advertisements

O escarranche

Gústanme Carmena e Oltra -un pouco menos Colau- por esa sabedoría que teñen para elixir os trapos aos que entran. Hai pouco pregúntaronlle a Oltra polo “enfado” de Podemos, polas opinións de Compromís sobre a moción de censura, e a resposta -versión reducida- foi ya se les pasará. Antonte pregúntaronlle a Carmena polo escarranche -despatarre ou manspreading, segundo o idioma, que tampouco entendo por que hai que utilizar palabras dunha lingua cando se está a falar noutra-. A resposta foi que hai persoas que ocupan máis espazo do que precisan, co seu corpo, con bolsos ou bolsas que poñen no asento do lado… e que iso non é cívico.

Penso que iso é cultura de Paz, o contrario do que fan a maioría de políticos e de xornalistas que buscan o conflito no canto da conciliación.

Considerar o escarranche coma unha actitude machista paréceme que son ganas de aumentar a crispación entre homes e mulleres por algo nimio.

Agora que Carmena falou do tema como un acto incívico xa me sinto con forza para dicir o que penso ao respecto. Podemos e Feminismo son dous movementos que levan moi mal que discrepes deles, aínda que sexa un pouquiño.

No transporte público, o mesmo que en calquera lugar público, hai moitos actos incívicos. Pero acotando á ocupación do espazo temos -como mínimo- o escarranche, ocupar o asento do lado con obxectos e poñer os pés no asento de en fronte. Que a este último acto véxolle eu dobre delito; ocupar o espazo e manchar o asento.

Sentarse coas pernas abertas non é exclusivo dos homes, é cultural, cultural machista. Cando era pequena as nais estaban moi pendentes de que te sentaras coas pernas xuntas -para que non se che viran as bragas, supoño-. Pero entendo que se estaban preocupadas por iso era porque, de forma natural, sentabámonos con elas abertas.

E aínda hoxe. Recordo unha escea: nun acto público estaba a familia real, todos sentados. Nun momento a raíña fíxolle acenos a unha das infantas para que pechase as pernas.

Logo, tal e coma eu o vexo, o das pernas abertas é unha cuestión de comodidade e pechalas para non ocupar o espazo da persoa que vai ao lado unha cuestión de civismo.

E nada máis, nin nada menos.