Estratexia da presión

Hoxe segue a resaca da moción de censura, que seguro durará moito porque, en boa parte, diso se trata.

Moléstame coincidir, aínda que sexa pouco, coa xente de dereitas. Non sempre a razón está dun lado só.

A miña discrepancia co Podemos de Pablo Iglesias está na forma porque ao remate pola forma non se pode chegar ao fondo.

Podemos naceu nas rúas. Puido quedarse nun movemento reivindicativo social pero preferiron levar a súa loita ao Parlamento. Ben feito, penso. Pero, ao meu ver, no canto de utilizar o Parlamento para resolver os problemas da cidadanía, utilizárono coma se fose a rúa, só para polos de manifesto.

Primeiro no europeo cun discurso escrito -o que indica premeditación- que sobrepasaba con moito o tempo marcado para provocar reiterados avisos e amonestacións… polémica. Para logo non voltar máis, porque ese non era o seu fin.

No español tamén chamaron a atención coa reivindicación da maternidade de proximidade e logo non vin propostas para que tódalas nais poidan facer o mesmo… por poñer un exemplo.

En canto a posta en práctica desa nova política de acordos -necesaria se non existe bipartidismo- tampouco os vexo moi finos. Se van ter que negociar co PSOE non acabo de ver a estratexia. Tampouco entendo que o PSOE negue a Podemos, moi probablemente teñan que entenderse. Non entendo a un nin a outro, pero agora falo da moción de censura.

Hoxe hai moitos titulares do tipo “Podemos presiona al PSOE”, E efectivamente… esa é a estratexia do Podemos de Iglesias -non sei se Errejón a compartiría. Presionar con feitos consumados no canto de definir conxuntamente as actuacións. E non é a primeira vez que o fai.

Presionar non me parece unha boa forma de negociación. Son muller e seino, podedes crerme. No caso das mulleres tamén se lle chama acoso.

Esta forma de facer política non me parece nada nova. Claro que pode que eu non o entenda porque non vexo as series de loita polo poder -Xogo de tronos e similares- de referencia desta xeneración.

Unha moción de censura podería ser necesaria, pero non desta maneira.

Se é necesaria e se utiliza unha estratexia que leva a que non saia adiante… Que c** estamos a facer?

Advertisements