Maneiras de vivir… e de morrer

Xa non sei moi ben de que escribir. Son tantos os temas que me pasan polo caletre que ao final non me decido.

Agora mesmo ocórrenseme estes;

O infantilismo de Podemos,

A estupidez dxs xornalistas que no afán de facer preguntas graciosas e comprometidas o único que fan é preguntar parvadas,

A obsesión que nos entrou por corrixir a ortografía nas redes -ata cando está ben-,

O que me impresionou a morte de Chacón…

Coma os primeiros son bastante estruturais vou decidirme polo último.

Non sabía case nada de Carme Chacón fóra da súa faceta de política. Que casara e tivo un fillo, e xa. Nin sequera sabía que se divorciara ou o da súa enfermidade.

Coma política non a entendía moito por iso das idas e vindas cara a primeira liña do PSOE.

Coa súa morte moita xente escribiu sobre ela en distintas facetas, así coñecín algo da súa vida privada. E foi esta faceta a que me imprsionou. Non digo que agora a admire porque non son eu moito de admirar, pero si que me gusta a súa forma de enfrontarse á vida e á morte.

Co seu mal, a maioría optaría por unha forma de vida que concordase coas recomendacións para estes casos; vida tranquila, sen sobresaltos… Pero non, ela non elixiu unha actividade física moderada, paseos, golf… Nin unha carreira que a levara a un traballo relaxado; farmacia, bioloxía… Non, a ela gustábanlle o baloncesto e a política e iso foi o que fixo. Tamén quixo ser nai a pesar de que non era recomendable.

Decidiu vivir como lle gustaba sabendo que iso podería acurtar a súa vida. Tamén sabía -polo que conta a xente que a coñecía- que calquera día podía pasar o que finalmente pasou, e iso non lle impedía viaxar ao outro lado do Atlántico con frecuencia.

Todo isto fíxome ver que tanto ela coma os seus proxenitores -a enfermidade era conxénita- tiveron moita coraxe.

Non fixo da súa enfermidade a súa maneira de vivir. Moitas persoas con enfermidades crónicas, que non teñen cura, crean asociacións para visibilizar o mal, recadar fondos para investir, presionar aos gobernos para que dediquen recursos… Ela decidiu vivir a vida que lle tocou, o tempo que fose, da forma que lle satisfacía.

E non estou facendo unha exaltación do conformismo. Non penso que o sexa. Aceptar que non todos os problemas teñen solución e vivir con eles da mellor maneira posible paréceme máis loable que estar permanentemente subliñando as limitacións dun mal ou outro e dedicar toda a túa vida a iso.

E si, unha maneira de vivir tamén é unha maneira de morrer.