Patriarcado

Son unha persoa moi independente e cada paso amólame máis que me manipulen, case máis que que me manden.

Normalmente fálase de patriarcado en relación coa dominación á que somos sometidas as mulleres na nosa vida privada. Pero eu quero ir máis lonxe.

O patriarcado é unha forma de dominación que vai máis aló das relacións home-muller. Abranque home-muller, muller-infante, jefe-subordinadx… no nivel individual, pero tamén empresa-consumidores, clase social-clase social de nivel inferior, partidos políticos-cidadanía… de forma colectiva. En virtude dunha norma “natural”, “moral” ou “divina” que así o determina.

Cal é o obxectivo? pois conseguir que alguén faga o mellor para xs dominadores.

Como se consegue? Pois hai moitos procedementos que se utilizan segundo as circunstancias.

A forza bruta nas dictaduras e polas persoas máis primitivas.

A manipulación para as democracias -ou similar- e as persoas máis cultivadas.

A chantaxe -case sempre emocional- en tódolos casos. E xa no campo dos sentimentos e das emocións… pois case de todo; inseguridade, medo…

O machismo é unha faceta do patriarcado que afecta ás mulleres. Pero os homes non están libres de ser vítimas tamén. O patriarcado abrangue tódolos campos e afecta a case todas as persoas. O poder político e o económico, os cartos -ás veces non se distinguen os dous conceptos- están concentrados nuns poucos.

Os líderes políticos compórtanse como as parellas machistas. Tes que admiralos, adoralos… Con iso está garantido que fagan o que fagan, coa dose correspondente de manipulación, vaiche parecer ben.

Que agora vos deixo que decidades vós? estupendo, “que buenos son que nos llevan de excursión”.

Que agora decido eu o que me sae de alí? Era necesario, non se podía agardar, había que tomar unha decisión xa.

Hai moito patriarcado nas actuacións dos líderes políticos, e como consecuencia demasiada violencia na linguaxe que utilizan -non tanto na das lideresas.

É que só eu vexo isto? Ben, para ser máis precisa Ángela Rodríguez e máis eu.

Estratexia da presión

Hoxe segue a resaca da moción de censura, que seguro durará moito porque, en boa parte, diso se trata.

Moléstame coincidir, aínda que sexa pouco, coa xente de dereitas. Non sempre a razón está dun lado só.

A miña discrepancia co Podemos de Pablo Iglesias está na forma porque ao remate pola forma non se pode chegar ao fondo.

Podemos naceu nas rúas. Puido quedarse nun movemento reivindicativo social pero preferiron levar a súa loita ao Parlamento. Ben feito, penso. Pero, ao meu ver, no canto de utilizar o Parlamento para resolver os problemas da cidadanía, utilizárono coma se fose a rúa, só para polos de manifesto.

Primeiro no europeo cun discurso escrito -o que indica premeditación- que sobrepasaba con moito o tempo marcado para provocar reiterados avisos e amonestacións… polémica. Para logo non voltar máis, porque ese non era o seu fin.

No español tamén chamaron a atención coa reivindicación da maternidade de proximidade e logo non vin propostas para que tódalas nais poidan facer o mesmo… por poñer un exemplo.

En canto a posta en práctica desa nova política de acordos -necesaria se non existe bipartidismo- tampouco os vexo moi finos. Se van ter que negociar co PSOE non acabo de ver a estratexia. Tampouco entendo que o PSOE negue a Podemos, moi probablemente teñan que entenderse. Non entendo a un nin a outro, pero agora falo da moción de censura.

Hoxe hai moitos titulares do tipo “Podemos presiona al PSOE”, E efectivamente… esa é a estratexia do Podemos de Iglesias -non sei se Errejón a compartiría. Presionar con feitos consumados no canto de definir conxuntamente as actuacións. E non é a primeira vez que o fai.

Presionar non me parece unha boa forma de negociación. Son muller e seino, podedes crerme. No caso das mulleres tamén se lle chama acoso.

Esta forma de facer política non me parece nada nova. Claro que pode que eu non o entenda porque non vexo as series de loita polo poder -Xogo de tronos e similares- de referencia desta xeneración.

Unha moción de censura podería ser necesaria, pero non desta maneira.

Se é necesaria e se utiliza unha estratexia que leva a que non saia adiante… Que c** estamos a facer?

Podemos e o fútbol

Cada vez entendo menos a Podemos.

Empezou gustándome o discurso de Pablo Iglesias, pareceume interesante que creara un partido para concorrer ás eleccións e ata lle din o meu voto a ese partido -en coalición con outras forzas.

Defraudoume o feito de que “as confluencias” non poidesen formar grupo parlamentario propio. Tamén me defraudou que non se poidese formar un goberno alternativo ao PP -tanto me ten canta responsabilidade sexa de cada quen- e mudei o meu voto.

Pero seguíame parecendo unha moi boa opción política.

Agora mesmo xa non sei que pensar. Estou tendo a impresión de que lle importa máis o ruído mediático que a actividade política real, a que resolve os problemas da xente.

Pedir que non emitan a misa na TV en vez de derogar o Concordato… e cousas similares non van resolver nada.

E agora a moción de censura. Que eu pregúntome se o que importa e sacar ao PP do goberno ou ter protagonismo. Hai algunha posibilidade real de que a moción se chege a presentar? E se se presenta… Que posibilidade hai de gañala? E xa que estamos especulando, cal sería o plan para despois de gañala?

Eso si, imos estar entretidos un lote de tempo con todas estas especulacións, as cadeas de TV encantadas… e a casa sen varrer.

Pois o mesmo que sempre se dixo do fútbol: ternos ocupados en parvadas para que non pensemos noutras cousas.

Maneiras de vivir… e de morrer

Xa non sei moi ben de que escribir. Son tantos os temas que me pasan polo caletre que ao final non me decido.

Agora mesmo ocórrenseme estes;

O infantilismo de Podemos,

A estupidez dxs xornalistas que no afán de facer preguntas graciosas e comprometidas o único que fan é preguntar parvadas,

A obsesión que nos entrou por corrixir a ortografía nas redes -ata cando está ben-,

O que me impresionou a morte de Chacón…

Coma os primeiros son bastante estruturais vou decidirme polo último.

Non sabía case nada de Carme Chacón fóra da súa faceta de política. Que casara e tivo un fillo, e xa. Nin sequera sabía que se divorciara ou o da súa enfermidade.

Coma política non a entendía moito por iso das idas e vindas cara a primeira liña do PSOE.

Coa súa morte moita xente escribiu sobre ela en distintas facetas, así coñecín algo da súa vida privada. E foi esta faceta a que me imprsionou. Non digo que agora a admire porque non son eu moito de admirar, pero si que me gusta a súa forma de enfrontarse á vida e á morte.

Co seu mal, a maioría optaría por unha forma de vida que concordase coas recomendacións para estes casos; vida tranquila, sen sobresaltos… Pero non, ela non elixiu unha actividade física moderada, paseos, golf… Nin unha carreira que a levara a un traballo relaxado; farmacia, bioloxía… Non, a ela gustábanlle o baloncesto e a política e iso foi o que fixo. Tamén quixo ser nai a pesar de que non era recomendable.

Decidiu vivir como lle gustaba sabendo que iso podería acurtar a súa vida. Tamén sabía -polo que conta a xente que a coñecía- que calquera día podía pasar o que finalmente pasou, e iso non lle impedía viaxar ao outro lado do Atlántico con frecuencia.

Todo isto fíxome ver que tanto ela coma os seus proxenitores -a enfermidade era conxénita- tiveron moita coraxe.

Non fixo da súa enfermidade a súa maneira de vivir. Moitas persoas con enfermidades crónicas, que non teñen cura, crean asociacións para visibilizar o mal, recadar fondos para investir, presionar aos gobernos para que dediquen recursos… Ela decidiu vivir a vida que lle tocou, o tempo que fose, da forma que lle satisfacía.

E non estou facendo unha exaltación do conformismo. Non penso que o sexa. Aceptar que non todos os problemas teñen solución e vivir con eles da mellor maneira posible paréceme máis loable que estar permanentemente subliñando as limitacións dun mal ou outro e dedicar toda a túa vida a iso.

E si, unha maneira de vivir tamén é unha maneira de morrer.

 

Confusión

Voume referir á confusión como “situación que provocan moitas persoas ou cousas xuntas ou mesturadas, de tal xeito que non se distinguen ou non se entenden” e non á que se usa máis “acción de pensar equivocadamente que unha persoa ou cousa é outra”.

Penso que estamos nun momento de moita confusión e, para min, esta confusión débese ao integrismo, e non ao islámico precisamente.

Lin o artigo de Luis García Montero “Manuela y la democracia fuerte en Infolibre e serviume para reforzar a miña teoría da confusión. Gustoume este parágrafo.

Pero quizá los jóvenes que asumen la tarea política deberían considerar también algunas de las experiencias de sus mayores. Tan peligrosos son para el diálogo generacional los viejos cascarrabias como los jóvenes sin memoria.

Escribín hai pouco o que me molesta ser maior por ter que vivir varias veces as mesmas situacións. Cando eu era nova desprezabamos aos maiores porque eran “fachas” e agora fano porque son “casta”, non se libra nin Carmena.

No plano do consumo hai persecución a algunhas empresas. Chámannos a boicotear os productos desas empresas porque pretenden maximizar beneficios. Tendo en conta que ese é o obxectivo do capitalismo o normal é que logo aparezan as contradiccións.

De pronto alguén que chama a boicotear Inditex por tributar en Irlanda a venta na rede resulta que ten un teléfono de Apple que tamén tributa en Irlanda. Ou o caso recente do que bebe Coca-cola…

Que unha, sendo unha consumidora moi responsable e austera, xa non sabería que facer se quixera ser unha boa cidadá responsable.

Canto xesto!!!

Ah!, e os referentes literarios para os descursos parlamentarios? Aquí si que a confusión é, para min, máxima. Non son “fan” de Guerra de tronos ou dos múltiples Xogos das galaxias, ou era ao revés?

Eu teño referentes máis antigos, “Moito ruído e poucas noces”