Podemos e a misa

Hai uns días falaba do principal inconveniente, para min, de ser maior: estar a vivir todo o tempo os mesmos procesos, que para a xente nova son moi novidosos e revolucionarios.

Pois un deles e o tema relixioso. Non sei se saberá a xente máis nova que a nai do año é o Concordato. Todo o demais é andar polas pólas.

O Concordato coa Santa Sé, coma o seu nome indica, é un tratado entre un estado e a Santa Sede, máxima institución da Igrexa católica, que ten persoalidade xurídica propia como suxeito de Dereito Internacional. Un acordo que ten categoría de Tratado Internacional e polo tanto de “rango” superior á lexislación de cada país.

Ningún país europeo ten tratado coa Santa Sé e case todos retransmiten a misa pola TV pública. Penso que iso podería levarnos a cuestionar que é o importante.

Considérome atea e non teño inconveniente en que poñan ta TV un espectáculo relixioso, católico ou doutra relixión. Tampouco é algo que me entusiasme. Ata hai pouco tempo nin coñecía a súa existencia. O que verdadeiramente me importa é todo o demais, empezando polo ensino, a financiación, os beneficios fiscais… Pero todo iso non é fácil de solucionar mentras siga vixente o Concordato porque non se pode lexislar en contra del e no Concordato están recollidos todos eses privilexios.

Que non se retransmita a misa pode enrabechar a algún bispo retrógado pero non cambia en absoluto as relacións igrexa-estado. Por outra banda tamén pode cabrear a esas persoas que a ven porque non poden desprazarse a unha igrexa e asistir presencialmente. Sinceramente non entendo as razóns que levaron a Podemos a facer algo con tan pouca transcendencia na vida da xente.

En algunha ocasión o PSOE, nos seus mellores tempos de maioría absoluta, tentou revogar o Concordato. Non foron quen.

Por todo isto, Sras. e Srs. de Podemos -e doutros partidos ou organizacións- deixade de marear e de buscar protagonismo mediático propoñendo medidas que non mudan absolutamente nada e propoñede revogar o Concordato, dunha vez. Todo o demais son manobras de distracción.