Ser maior

Para min o peor de ser maior non son as engurras ou a artrose, o peor é estar permanentemente vivindo as mesmas situacións, as mesmas polémicas… que, ao meu entender abórdanse dende supostos erróneos.

Acabo de ver nas redes un vídeo de Teresa Rodríguez no que pon de manifesto o absurdo de cobrar dietas nos meses que non hai actividade parlamentaria, e tamén insiste en que en Podemos os parlamentarios doan parte do que ganan a organizacións sociais “de utilidade pública”

Cantas veces ao longo da vida dunha persoa maior oímos falar dos salarios públicos? A solución é doar parte a unha ONG?

Basta xa! deixade de marear. As ONGs son entidades privadas que se dedican aos asuntos máis diversos, algunhas a colectivos específicos. Pode que moitas persoas non estemos de acordo con que sexan as ONGs as que solucionen os problemas sociais. Algunhas pensamos que iso é cousa do Estado do Benestar e polo tanto debe ser financiado cos presupostos xerais. Para poder levalo a cabo hai que ter cartos, loxicamente, e iso conséguese aumentando os ingresos ou diminuíndo os gastos.

Se se considera que a cantidade de cartos que vai ás retribucións dos políticos é moi elevada, o que hai que facer é reducila. Como?

  1. Diminuír o número de parlamentarios. E xa non falo de suprimir o senado, que tamén é un asunto que está pendente, falo de reducir o número de congresistas a 300 que é o mínimo que dictamina a constitución. Xa sei que non é moito pero só de salarios base serían dous millóns de euros ao ano, sen contar dietas, complementos…
  2. Complementos por razón do cargo: por ser membro da mesa, portavoz adxunto dunha comisión… Non hai moitos cargos remunerados? Non se cobra demasiado polo cargo? Hai algúns complementos de contía superior ao salario.
  3. Dietas. O absurdo non é cobralas cando non hai actividade parlamentaria, o absurdo é cobrar unha cantidade determinada sen ter que xustificala. Se houbese que xustificala xa non se daría esa situación.

Isto vale tamén para os parlamentos autonómicos.

Para levar a cabo estas medidas non sería necesario reformar a Constitución, que é o argumento que se utiliza para non mudar nada. Nin tocar os salarios base -que afectaría a outros traballadores que non son parlamentarios- e que por outra banda non me parecen excesivos.

Por que non se levan a cabo medidas deste tipo? Dependen dxs parlamentarios e só lles afectaría a elxs.

Aah!!! xa, a moitxs pareceralle que as cousas están ben como están e os outros non se porían de acordo porque moitos consideraríanas insuficientes. E coma somos de todo ou nada… pois seguimos igual.

Y esto, queridos niños, que diría Wyoming, é o que levamos vivindo dende os 80 as que temos xa uns anos.

Hai máis asuntos cuxas polémicas e argumentarios se repiten dende “toda a vida” coma na igualdade de xénero ou no uso Lingua galega. Xa falaremos.

Advertisements