A natureza e a economía

Son un binomio difícil de conciliar, coma tantos outros.

Hai afirmacións falaces para defendelas.

A Natureza é sabia; o natural é mellor… serían algunhas.

A Natureza ten fallos e a humanidade tenta corrixilos. E, coma case sempre, a cuestión é determinar que debemos corrixir e que debemos asumir.

Se un ser vivo nace cunha eiva que lle impide desenvolverse con normalidade no seu medio, e a ciencia ten capacidade para corrixila… adiante. Pero os seres humanos, pola compoñente psicolóxica, podemos levar isto a extremos rocambolescos. Cando se introduce o factor sentirse non hai ciencia que vala. Teño oído coma se “xustifica científicamente” calquera operación de cirurxía estética -implantes capilares, mamarios…- polos efectos positivos que producen na autoestima das persoas implantadas, e polo tanto na mellora das súas condicións de vida persoal e laboral. ???

É un erro da natureza que os homes non poidan xerar outro ser humano? Ou é un feito que deberíamos aceptar? E digo máis, É un dereito ter descendencia biolóxica? Ata onde se debe chegar no tema da reprodución?

Se non tivesemos no miolo esta idea (cultural) de sangue do meu sangue, o problema da paternidade subrogada nin existiría.

Pero cando os homes queren algo as solucións aparecen rápido. Xa pasou co da contracepción. Iso sí, sempre as costas das mulleres.

E por que o da economía do título? Pois porque coma case sempre as solucións pasan polos cartos. Tamén neste tema hai moitas afirmacións falaces (?) Con cartos todo ten solución.

Tal e coma eu o vexo a maioría dos problemas relacionados coa sexualidade aparecen polos prexuízos culturais.

Por que unha muller á que lle extirparon un peito ten que sentirse incompleta?

Por que os homes non extirpan a próstata completa arriscando a saúde?

Por que unha criatura pequena ten que sentirse neno ou nena? Por que hai roupa de bebé para nenos e para nenas?

Por que tantas categorías para definir as persoas segundo a súa identidade sexual? Non chegaría con persoas e que cada unha se sinta como queira? Porque as categorías actuais aínda non recollen todas as posibilidades de “sentirse”. De feito xa hai outra, Q, de queer (raro), que recolle varias opcións que non están na LGTB.