A morte

Hai uns días Elisa Beni escribía El veto de la agonía no diario.es en relación co resultado da votación no Congreso para non debater o dereito a unha morte digna -eutanasia e suicidio asistido- e coa súa experiencia persoal.

Case sempre que se fala deste tema aparecen as testemuñas de familiares que sufriron coa agonía dalgún ser querido. Eu quero falar da morte dende o punto de vista da persoa viva que vai morrer.

Outras veces fálase de como se quere a cerimonia do pasamento; que se relixiosa ou civil, con flores ou sen elas… Pero pouco se fala do momento da morte a pesar de ser o tema filosófico por excelencia. Pouca xente asume que hai que morrer e pasa unha parte da vida loitando contra a morte, coma se fose posible gañar.

Coñecín algunhas persoas que, polas súas crencias relixiosas, afrontaron a morte con moita entereza e normalidade. Ían reunirse con deus e cos familiares e amigos que xa tiñan morto antes ca elas. Tamén algunhas ateas porque pensaban que xa viviran o suficiente e que a vida, a partir dun momente, non tiña nada novo que ofrecerlle. Pero a maioría aférrase á vida ata o último alento utilizando todos os medios posibles.

Os convencionalismos sociais non axudan a perder o medo á morte e polo tanto afrontala coma o inevitable final da vida. Refírome a esas expresións-muletilla do tipo “morreu rodeada dos seus seres queridos” coma algo desexable. Moitas persoas, o que máis temen da morte é morrer soas.

Nunca vin morrer a ninguén pero supoño que será moi duro, e por iso non quero que ninguén próximo me vexa morrer. Quero que sexa un acto moi íntimo.

Non son moi pudorosa no aspecto físico; son nudista, permanezo algún tempo -sen facer exibicionismo- espida nos vestiarios públicos, non teño temor que me vexa a veciñanza polas ventás… Todo iso non é, para min, intimidade. Morrer e algúns outros actos, si.

Pero á marxe da intimidade, penso que non me consolaría proporcionarlle aos meus achegados unha dor adicional. Porque a ninguén lle gusta ver morrer a un ser querido, aínda que sexa dunha forma tranquila.

Podemos e a misa

Hai uns días falaba do principal inconveniente, para min, de ser maior: estar a vivir todo o tempo os mesmos procesos, que para a xente nova son moi novidosos e revolucionarios.

Pois un deles e o tema relixioso. Non sei se saberá a xente máis nova que a nai do año é o Concordato. Todo o demais é andar polas pólas.

O Concordato coa Santa Sé, coma o seu nome indica, é un tratado entre un estado e a Santa Sede, máxima institución da Igrexa católica, que ten persoalidade xurídica propia como suxeito de Dereito Internacional. Un acordo que ten categoría de Tratado Internacional e polo tanto de “rango” superior á lexislación de cada país.

Ningún país europeo ten tratado coa Santa Sé e case todos retransmiten a misa pola TV pública. Penso que iso podería levarnos a cuestionar que é o importante.

Considérome atea e non teño inconveniente en que poñan ta TV un espectáculo relixioso, católico ou doutra relixión. Tampouco é algo que me entusiasme. Ata hai pouco tempo nin coñecía a súa existencia. O que verdadeiramente me importa é todo o demais, empezando polo ensino, a financiación, os beneficios fiscais… Pero todo iso non é fácil de solucionar mentras siga vixente o Concordato porque non se pode lexislar en contra del e no Concordato están recollidos todos eses privilexios.

Que non se retransmita a misa pode enrabechar a algún bispo retrógado pero non cambia en absoluto as relacións igrexa-estado. Por outra banda tamén pode cabrear a esas persoas que a ven porque non poden desprazarse a unha igrexa e asistir presencialmente. Sinceramente non entendo as razóns que levaron a Podemos a facer algo con tan pouca transcendencia na vida da xente.

En algunha ocasión o PSOE, nos seus mellores tempos de maioría absoluta, tentou revogar o Concordato. Non foron quen.

Por todo isto, Sras. e Srs. de Podemos -e doutros partidos ou organizacións- deixade de marear e de buscar protagonismo mediático propoñendo medidas que non mudan absolutamente nada e propoñede revogar o Concordato, dunha vez. Todo o demais son manobras de distracción.

Posibilismo

Dende a transición instalouse na nosa sociedade o endeusamento da mocidade. Penso que os nosos políticos deben ser os máis novos de todo o mundo.

Cando saímos da dictadura tiña certo sentido que non nos fiaramos dos políticos maiores, eran franquistas e polo tanto moi sospeitosos de pouco demócratas. Neste momento xa non lle vexo sentido. Seguimos a pensar que as persoas maiores somos conservadoras e as novas son progresistas. Coma todas as xeneralizacións, non é certo. As persoas maiores podemos ser máis “antisistema” que as novas entre outras cousas porque non temos que labrarnos un futuro, nin “corrompernos” polos nosos fillos… Por outra banda, se miramos un pouco o pasado recente e o presente atopamos persoas moi maiores que foron e son referente das novas: Hessel (Indignádevos!), Beiras, Mujica, Sanpedro, Saramago…

Para min o inconveniente que ten a xente nova é que non é posibilista. Nunca vos perdoarei que sigamos con Rajoy coma presidente, Podemos e PSOE. Os dous foron irresponsables e non me importa quen empezou antes ou se un ten máis responsabilidade que o outro, o resultado é o que é. Pero a xente nova de cada unha das formacións está moi satisfeita porque coma a “culpa” foi da outra… Penso que isto non pasaría con persoas maduras.

Unha cousa e o discurso teórico e outra é gobernar. Para gobernar non vale a perfección ou nada porque mentras chega a perfección -se chega- o problema non se resolverá só.

Mujica, ao que tanto menciona a mocidade, foi revolucionario pero asumiu que se gobernas tes que facer todo o posible para mellorar a vida da xente aínda que non sexa exactamente o que ti pensas que é o mellor, nin sequera o que levabas no teu programa electoral. Pero hai que ser maior para non ver isto coma un fracaso.

Pódese facer moito con moi pouco mentras se espera o mellor.

Eu fun docente e cunha lei de educación franquista faciamos ensino en galego, sen textos e con metodoloxías activas e participativas. Como? pois movéndonos no alegal e camiñando fola linde do legal e o ilegal… Tamén con algunhas persoas expedientadas, teño que dicir, pero sen consecuencias demasiado tráxicas. Non esperamos a ley maravillosa, simplemente fixemos o que poidemos aproveitando todas as posibilidades dese momento.

Facer o posible en cada momento non é conservador. A utopía -absolutamente necesaria- non pode inmobilizar o cotián.

Ser maior

Para min o peor de ser maior non son as engurras ou a artrose, o peor é estar permanentemente vivindo as mesmas situacións, as mesmas polémicas… que, ao meu entender abórdanse dende supostos erróneos.

Acabo de ver nas redes un vídeo de Teresa Rodríguez no que pon de manifesto o absurdo de cobrar dietas nos meses que non hai actividade parlamentaria, e tamén insiste en que en Podemos os parlamentarios doan parte do que ganan a organizacións sociais “de utilidade pública”

Cantas veces ao longo da vida dunha persoa maior oímos falar dos salarios públicos? A solución é doar parte a unha ONG?

Basta xa! deixade de marear. As ONGs son entidades privadas que se dedican aos asuntos máis diversos, algunhas a colectivos específicos. Pode que moitas persoas non estemos de acordo con que sexan as ONGs as que solucionen os problemas sociais. Algunhas pensamos que iso é cousa do Estado do Benestar e polo tanto debe ser financiado cos presupostos xerais. Para poder levalo a cabo hai que ter cartos, loxicamente, e iso conséguese aumentando os ingresos ou diminuíndo os gastos.

Se se considera que a cantidade de cartos que vai ás retribucións dos políticos é moi elevada, o que hai que facer é reducila. Como?

  1. Diminuír o número de parlamentarios. E xa non falo de suprimir o senado, que tamén é un asunto que está pendente, falo de reducir o número de congresistas a 300 que é o mínimo que dictamina a constitución. Xa sei que non é moito pero só de salarios base serían dous millóns de euros ao ano, sen contar dietas, complementos…
  2. Complementos por razón do cargo: por ser membro da mesa, portavoz adxunto dunha comisión… Non hai moitos cargos remunerados? Non se cobra demasiado polo cargo? Hai algúns complementos de contía superior ao salario.
  3. Dietas. O absurdo non é cobralas cando non hai actividade parlamentaria, o absurdo é cobrar unha cantidade determinada sen ter que xustificala. Se houbese que xustificala xa non se daría esa situación.

Isto vale tamén para os parlamentos autonómicos.

Para levar a cabo estas medidas non sería necesario reformar a Constitución, que é o argumento que se utiliza para non mudar nada. Nin tocar os salarios base -que afectaría a outros traballadores que non son parlamentarios- e que por outra banda non me parecen excesivos.

Por que non se levan a cabo medidas deste tipo? Dependen dxs parlamentarios e só lles afectaría a elxs.

Aah!!! xa, a moitxs pareceralle que as cousas están ben como están e os outros non se porían de acordo porque moitos consideraríanas insuficientes. E coma somos de todo ou nada… pois seguimos igual.

Y esto, queridos niños, que diría Wyoming, é o que levamos vivindo dende os 80 as que temos xa uns anos.

Hai máis asuntos cuxas polémicas e argumentarios se repiten dende “toda a vida” coma na igualdade de xénero ou no uso Lingua galega. Xa falaremos.

A natureza e a economía

Son un binomio difícil de conciliar, coma tantos outros.

Hai afirmacións falaces para defendelas.

A Natureza é sabia; o natural é mellor… serían algunhas.

A Natureza ten fallos e a humanidade tenta corrixilos. E, coma case sempre, a cuestión é determinar que debemos corrixir e que debemos asumir.

Se un ser vivo nace cunha eiva que lle impide desenvolverse con normalidade no seu medio, e a ciencia ten capacidade para corrixila… adiante. Pero os seres humanos, pola compoñente psicolóxica, podemos levar isto a extremos rocambolescos. Cando se introduce o factor sentirse non hai ciencia que vala. Teño oído coma se “xustifica científicamente” calquera operación de cirurxía estética -implantes capilares, mamarios…- polos efectos positivos que producen na autoestima das persoas implantadas, e polo tanto na mellora das súas condicións de vida persoal e laboral. ???

É un erro da natureza que os homes non poidan xerar outro ser humano? Ou é un feito que deberíamos aceptar? E digo máis, É un dereito ter descendencia biolóxica? Ata onde se debe chegar no tema da reprodución?

Se non tivesemos no miolo esta idea (cultural) de sangue do meu sangue, o problema da paternidade subrogada nin existiría.

Pero cando os homes queren algo as solucións aparecen rápido. Xa pasou co da contracepción. Iso sí, sempre as costas das mulleres.

E por que o da economía do título? Pois porque coma case sempre as solucións pasan polos cartos. Tamén neste tema hai moitas afirmacións falaces (?) Con cartos todo ten solución.

Tal e coma eu o vexo a maioría dos problemas relacionados coa sexualidade aparecen polos prexuízos culturais.

Por que unha muller á que lle extirparon un peito ten que sentirse incompleta?

Por que os homes non extirpan a próstata completa arriscando a saúde?

Por que unha criatura pequena ten que sentirse neno ou nena? Por que hai roupa de bebé para nenos e para nenas?

Por que tantas categorías para definir as persoas segundo a súa identidade sexual? Non chegaría con persoas e que cada unha se sinta como queira? Porque as categorías actuais aínda non recollen todas as posibilidades de “sentirse”. De feito xa hai outra, Q, de queer (raro), que recolle varias opcións que non están na LGTB.