Ficción e realidade

A aprendizaxe de diferenciar a fantasía da realidade empeza entre os 3-5 anos de idade. O proceso pódese alongar, dependendo da situación, ata os 12 anos.

Pero, dependendo da experiencia de cadaquen, mesmo na adolescencia moitas persoas poden ser enganadas e aceptar como realidade algo que non o é.

Realidade e fantasía, realidade e ficción, propaganda… Convén ter as cousas claras.

Hai pouco vin unha entrevista a Darío Adanti, cofundador da revista Mongolia, na que se abordaba o tema do humor -tan polémico actualmente-, de se se pode ofender con este xénero. Fixo a comparación dun espectáculo de humor cunha película gore. Eu estou de acordo con iso. Cadaquen elixe os espectáculos que quere ver; se non me gustan as esceas de violencia gráfica sanguinolentas, non vou ver unha película gore -mesmo as que son de humor, que tamén hai.

Pero para min a cuestión non é esa. A cuestión é cando se utiliza o humor na vida real con ánimo de ofender, ou como mínimo molestar; ridiculizar; rebaixar a autoestima…

Un exemplo que non me canso de dicir; os matóns adolescentes, que van polos institutos amedrentando aos seus compañeiros, sempre rematan minimizando a gravidade da súas verbas dicindo que era de broma. Pero isto non é ficción.

No mundo da información estase a producir un fenómeno que me confunde un pouco.

Hai programas de humor que tratan a actualidade política. Ben, aquí a cousa está clara, é un programa de humor.

Hai programas que son unha mezcla de entretemento e actualidade -os da mañán, basicamente. Moitas veces póñense en contacto con persoas -políticas ou non. Aquí utilízase -con esas persoas- o sarcasmo coma se fose humor. Pero iso é outra cousa. E a min estas situacións recórdanme as dos matóns: os afectados non poden darse por molestados porque quedarían en evidencia por non ter sentido do humor; a todos os presentes no plató -e supoño que a moitos espectadores tamén porque teñen moita audiencia- failles moita graza.

Será que non pasamos aínda a fase de diferenciar a realidade da ficción?

E outra pregunta que me fago, son as redes un espazo real?