O intercomunicador

Hoxe, día do amor romántico, eu vou escribir sobre algo máis mundano.

Na miña cidade, Compostela, coma en moitísimas outras, moverse en transporte público non é doado. A estación de tren e a de autobuses están cada unha nun extremo da cidade; non hai ningún autobús urbano que entre no recinto da estación do tren, e entre a máis proxima e o edificio da estación hai unha escaleira bastante longa.

O autobús que vai ao aeroporto si que entra nas dúas estacións, pasa polo centro da cidade e faino con bastante frecuencia. Pódese dicir que resulta máis doado ir dende calquera pobo ou cidade ao aeroporto que a outro lugar da cidade ou á outra estación. Se vives fóra e traballas na cidade -ou viceversa- probablemente non poidas ir traballar en transporte público.

Dende que recordo estase a falar da necesidade dunha intermodal. Houbo varias propostas; unha foi cando se buscaba utilidade ao edificio Castromil, que logo foi derrubado; outra era un macro proxecto, da época da abundancia, que comprendía a construcción dunha área comercial, un hotel, apartamentos… cemento, cemento, ladrillo, ladrillo, que afortunadamente non saíu adiante pola crise.

Agora parece que por fin imos ter un pero, faltaría máis, ten moitos detractores. Os argumentos son variados pero ningún que teña nada a ver coa comodidade dos usuarios: que se desaparece a actual estación de autobuses a zona vai perder “vida”; que se o volume de traballo dos taxistas vaise ver afectado; que se o tráfico da zona na que se instala vaise complicar; que se é “cutre”… e a única que oín que ten que ver cos usuarios é que teñen que cruzar por unha pasarela descuberta -só durante un tempo porque está previsto cubrila nunha segunda fase do proxecto- e aquí chove moito, coma se agora para ir dos edificios ata as paradas dos autobuses -bastante distancia- se fose baixo teitado.

A maioría da xente á que lle oín estas críticas viaxa pouco en transporte público e cando o fai tira de familiares ou amigos que os leven ata a estación ou o aeroporto ou van en taxi. Por iso non teñen moita conciencia do que é moverse pola cidade con equipaxe. Da teoría de todo ou nada, tan de moda, vaia. Se non vai ser perfecta, mellor esperar. Coma se a perfección existise.

Eu viaxei moito, sigo viaxando -algo menos-, sei moi ben o práctico que resulta a concentración dos diferentes medios de transporte e doulle a benvida ao intercomunicador, sexa como sexa de “elegante”.

Advertisements