Vestimenta

Estas fotos collinas en Facebook. Son da publicidade dun centro destes que se dedican ao deporte e saúde, que están moi de moda na actualidade.

Son dun centro privado pero aos efectos que vou comentar, a vestimenta, tanto ten. Eu vou a un multiusos deportivo público e a o asunto é parecido.

Non sei se o alumnado é real ou alguén preparou un escenario para as fotos da publicidade, pero a escenificación correspóndese coa realidade.

16142971_1930028257220660_6866306343840462950_n.jpg16142342_1930028280553991_5369816705511039295_n.jpgVexamos aos homes. Na primeira foto vense dous homes vestidos con pantalón de deportes folgado, curto, por enriba do xeonllo, e camiseta normal, unha con manga curta e outra sen manga. Na segunda o mesmo; un con pantalón de chandal longo e camiseta con manga e o outro pantalón de deportes, das mesmas características que os anteriores e camiseta sen manga.

Vexamos as mulleres. Primeira foto, a da dereita, tamén leva pantalón de deportes e camiseta pero o pantalón é moito máis curto, xusto debaixo da nádega; a do medio da foto leva unha malla moi curta e un bodi tamén moi curto, o xusto para cubrir o peito; a da esquera unha malla a medio muslo e un bodi dos que deixan as omoplatas ao descuberto. As da segunda foto, todas malla debaixo do xeonllo e bodis de tirantes.

Están a facer a mesma actividade, polo que supoño que ésta non require unha vestimenta determinada. Por qué visten diferente?

Quén decidiu que as mallas -que ademais teñen que ser de tecidos artificiais para que indo pegadas ao corpo teñan elasticidade- son mellores para as mulleres? Como nos convenceron para levar esa prenda tan incómoda?

Xa sei que os ciclistas tamén as levan, pero debe haber algunha razón de productividade moi forte para iso, que non é a norma xeral.

Por qué sempre a nosa vestimenta e o noso calzado teñen que ser máis incómodos?

Búmerang

Estamos poñéndonos tan “estupendos” (radicais, diría) que vai chegar un momento no que unha cousa e a contraria van estar ben segundo falemos dos nosos ou dos outros.

As mulleres do PP -que dito sexa de paso, houbo e hai moitas máis en postos relevantes na política que nos partidos de esquerdas- foron moi mal tratadas polos “progresistas”. Botella, Aguirre, Villalobos… son algúns exemplos. Penso que en moitas ocasións había moito machismo nos xuízos que se lle fixeron. E, aínda que o machismo non estivese no miolo da análise, si que o hai na intensidade. Se o que enreda coa tableta durante unha sesión parlamentaria é un home, hai tanto escarnio público?

Agora a dereita estase a ensañar con Irene Montero. Non o vou xustificar. Pero tampouco desculpo que aínda hoxe se lle mencione a Villalobos o do Candy crush, que ao remate non era Candy crush.

Sen compartir todo o que se está a dicir de Irene Montero recoñezo que o asunto ten o seu aquel. Porque se é a idónea para a portavocía, por que non foi ela dende o principio en vez de ser só adxunta? Por machismo? Houbo machismo antes ou haino agora? É machista asociar o posicionamento social ou político das mulleres ás súas parellas, certo. E no caso de Boltella? Era machismo? Ou como non era das nosas todo vale?

Quero facer unha paréntese para recordar que Carmen Romero desapareceu da vida pública, que tiña de antes, cando o seu home foi Presidente do Goberno. Tamén aí houbo machismo, aínda que en sentido contrario.

Estase poñendo de moda acusar de machistas a persoas públicas; Sabina, Pablo Motos, Évole… ademais de os políticos.

A sociedade na que vivimos é machista. O machismo é unha ideoloxía na que todos e todas fomos educados. Pouco a pouco moitas persoas fomos desprendéndonos de moitos valores nos que nos educaron -cos custos correspondentes de ser consideradxs “rarxs”, ou algo peor- pero teño moitas dúbidas de que haxa alguén que estea completamente libre de algunha actuación ou expresión machista. Supoño que ata a mesma Barbijaputa terá algo por aí escondido pola que se a poida acusar de machista, pero como non ten vida pública -ela mesma se protexe cun seudónimo e non aparece nunca fisicamente, nin sequera nas entrevistas- non se lle poden sacar.

E digo eu… Imos dedicarnos a buscar comportamentos machistas en todo o mundo? Seguro que, buscando ben, todxs imos ter algún. Non sería mellor por de exemplo os que non o son?

Ficción e realidade

A aprendizaxe de diferenciar a fantasía da realidade empeza entre os 3-5 anos de idade. O proceso pódese alongar, dependendo da situación, ata os 12 anos.

Pero, dependendo da experiencia de cadaquen, mesmo na adolescencia moitas persoas poden ser enganadas e aceptar como realidade algo que non o é.

Realidade e fantasía, realidade e ficción, propaganda… Convén ter as cousas claras.

Hai pouco vin unha entrevista a Darío Adanti, cofundador da revista Mongolia, na que se abordaba o tema do humor -tan polémico actualmente-, de se se pode ofender con este xénero. Fixo a comparación dun espectáculo de humor cunha película gore. Eu estou de acordo con iso. Cadaquen elixe os espectáculos que quere ver; se non me gustan as esceas de violencia gráfica sanguinolentas, non vou ver unha película gore -mesmo as que son de humor, que tamén hai.

Pero para min a cuestión non é esa. A cuestión é cando se utiliza o humor na vida real con ánimo de ofender, ou como mínimo molestar; ridiculizar; rebaixar a autoestima…

Un exemplo que non me canso de dicir; os matóns adolescentes, que van polos institutos amedrentando aos seus compañeiros, sempre rematan minimizando a gravidade da súas verbas dicindo que era de broma. Pero isto non é ficción.

No mundo da información estase a producir un fenómeno que me confunde un pouco.

Hai programas de humor que tratan a actualidade política. Ben, aquí a cousa está clara, é un programa de humor.

Hai programas que son unha mezcla de entretemento e actualidade -os da mañán, basicamente. Moitas veces póñense en contacto con persoas -políticas ou non. Aquí utilízase -con esas persoas- o sarcasmo coma se fose humor. Pero iso é outra cousa. E a min estas situacións recórdanme as dos matóns: os afectados non poden darse por molestados porque quedarían en evidencia por non ter sentido do humor; a todos os presentes no plató -e supoño que a moitos espectadores tamén porque teñen moita audiencia- failles moita graza.

Será que non pasamos aínda a fase de diferenciar a realidade da ficción?

E outra pregunta que me fago, son as redes un espazo real?

O intercomunicador

Hoxe, día do amor romántico, eu vou escribir sobre algo máis mundano.

Na miña cidade, Compostela, coma en moitísimas outras, moverse en transporte público non é doado. A estación de tren e a de autobuses están cada unha nun extremo da cidade; non hai ningún autobús urbano que entre no recinto da estación do tren, e entre a máis proxima e o edificio da estación hai unha escaleira bastante longa.

O autobús que vai ao aeroporto si que entra nas dúas estacións, pasa polo centro da cidade e faino con bastante frecuencia. Pódese dicir que resulta máis doado ir dende calquera pobo ou cidade ao aeroporto que a outro lugar da cidade ou á outra estación. Se vives fóra e traballas na cidade -ou viceversa- probablemente non poidas ir traballar en transporte público.

Dende que recordo estase a falar da necesidade dunha intermodal. Houbo varias propostas; unha foi cando se buscaba utilidade ao edificio Castromil, que logo foi derrubado; outra era un macro proxecto, da época da abundancia, que comprendía a construcción dunha área comercial, un hotel, apartamentos… cemento, cemento, ladrillo, ladrillo, que afortunadamente non saíu adiante pola crise.

Agora parece que por fin imos ter un pero, faltaría máis, ten moitos detractores. Os argumentos son variados pero ningún que teña nada a ver coa comodidade dos usuarios: que se desaparece a actual estación de autobuses a zona vai perder “vida”; que se o volume de traballo dos taxistas vaise ver afectado; que se o tráfico da zona na que se instala vaise complicar; que se é “cutre”… e a única que oín que ten que ver cos usuarios é que teñen que cruzar por unha pasarela descuberta -só durante un tempo porque está previsto cubrila nunha segunda fase do proxecto- e aquí chove moito, coma se agora para ir dos edificios ata as paradas dos autobuses -bastante distancia- se fose baixo teitado.

A maioría da xente á que lle oín estas críticas viaxa pouco en transporte público e cando o fai tira de familiares ou amigos que os leven ata a estación ou o aeroporto ou van en taxi. Por iso non teñen moita conciencia do que é moverse pola cidade con equipaxe. Da teoría de todo ou nada, tan de moda, vaia. Se non vai ser perfecta, mellor esperar. Coma se a perfección existise.

Eu viaxei moito, sigo viaxando -algo menos-, sei moi ben o práctico que resulta a concentración dos diferentes medios de transporte e doulle a benvida ao intercomunicador, sexa como sexa de “elegante”.

Srs. do CIS, Srs. xornalistas…

De verdade necesito (cidadanía) saber CADA DÍA cales serían os resultados das votacións dunhas eleccións se se celebraran hoxe?

Non tivenos xa ultimamente eleccións e enquisas dabondo?

Non merezo un descansiño?

Tede en conta que moitxs temos tamén eleccións autonómicas fóra das municipais.

Non abonda que nos manipuledes coa opinión?

Tamén queredes camuflar a manipulación con un toque científico?

Non teñen xs tertulianos en xeral e a familia Ferreras-Pastor en particular horas de TV suficientes e hai que proporcionar material novo?

Que sentido ten que eu saiba os resultados das eleccións se se celebraran hoxe?

Que fiabilidade teñen uns resultados nos que se pregunta por algo que non vai suceder?

Se xa non son moito de fiar as enquisas que se fan antes dunhas eleccións reais, van selo os de unhas imaxinarias?

Creo que hai un transtorno psicolóxico que é algo parecido a isto: sentir, padecer, unha situación que non é real, por exemplo, “cando vexo á xente nova ir a unha guerra, síntoo coma se fosen fillxs meus” -que por outra parte non teño fillxs. Aquí hai un transtorno.

De verdade, deixádeme vivir a pouca tranquilidade da que se pode desfrutar entre unhas eleccións e outras.

Entendo que tedes que vivir pero, ten que ser a costa da miña saúde mental?

E á familia “informativa” por antonomasia… Hai xente, fóra da política profesional, que tamén fai política na súa área de traballo á que se podería entrevistar ou preguntar a súa opinión -dentro  do seu tema.

Xa sei, non teñen tanta agresividade, non serven moito para a dinámica de enfrontamento. Pero tamén aquí vos digo, non credes que tamén precisamos un descansiño de tanta agresividade?

 

O día que naciches

Ola miña rula!

No teu caso tamén podería dicir miña churra porque naciches co ano chino do Galo.

Tes nome de personaxe de obra de teatro e tamén de película, polo que antonte lle deron un Goya a actriz que o interpreta.

Estiveches indecisa e ao remate precisaches algo de axuda. Pero eu enténdote, o tempo está para indecisións. Os temporais ou  cicloxéneses, teñen por unha banda a beleza da forza da natureza -ondas do mar, alustros…- pero por outra dan un pouquiño de medo; fan bastante ruído entre o vento e os tronos.

Nas portadas dos xornais non hai nada novo: crise de Podemos; Trump; independentismo catalán; e, como non, unha muller asasinada, violencia de xénero.

Un día coma hoxe naceron Zoe Rosinach Pedrol, primeira española doutora en Farmacia e feminista, e Mary Leakey, antropóloga, por poñer exemplos de científicas. Tamén Bob Marley que si, era home, pero era un bo músico. Ben, non sei se bo pero a min gustáme. Supoño que tamén nacería algunha mala persoa, pero, a quen lle importa?

É o Día Internacional de tolerancia cero coa mutilación xenital feminina. Eu non son moito de Día de… pero está ben.

Benvida a nosa familia e a este mundo, que che teñen as súas cousas pero sabendo levalxs poden ser razoablemente agradables.

Carolina Bescansa

Descoñezo as razóns da dimisión de Carolina Bescansa da dirección de Podemos. Coma non parece debida á loita directa polo poder supoño que será porque non se sente cómoda. Eu tamén me fun dalgúns postos “de dirección” e foi por esa razón.

Por iso vou aproveitar este feito de actualidade para explicar a miña visión da fuxida dos postos de poder por parte de moitas mulleres.

Non vou comentar que as mulleres teñen máis dificultades para accader a postos de responsabilidade nunha empresa ou nunha institución porque diso xa se ten falado moito. Vou comentar algo que din moitas veces “os machistas” para explicar o fenómeno: E que son moitas as mulleres que non queren.

E con pesar teño que recoñecer que hai algo de verdade nesa afirmación.

Con un matiz. Non é que non queiras acceder, o que non queres e continuar unha vez que estás aí.

A dobre moral entre o noso e o de outros fai que tomar moitas decisións correctas legalmente sexa imposible. Algúns exemplos -de cousas banais pero que van creando pouso- no mundo da docencia.

Se pretendes suspender a un alumno porque copiou nun exame atoparás todo tipo de inconvenientes por parte do resto do profesorado e das familias para facelo. Que se son nenos, que se lle vas fastidiar o curso por esa tontería, que se iso forma parte da esencia do alumnado… Eso si, se copiou un cargo público -aínda que fose cando era alumno- entón é un delito moi grave polo que o hai que cesar xa.

Se hai unha contabilidade B para as operacións nas que interveñen aportacións económicas  que fan as familias -para pagar o transporte das actividades extraescolares, por exemplo- non pasa nada porque nós somos moi honrados e non facemos trampas e as familias están de acordo. Que vai facer a empresa de transportes con eses cartos non se lle ocorre a ninguén. Pero a contabilidade B de calquera outro… á cadea pero xa.

Calquera organización funciona con base nos principios que rexen na sociedade: liderazgo -personalismo, simpatía-, amiguismo, clientelismo, demostración de forza e poder…

As mulleres non temos costume de facer as cousas desa maneira porque até hai pouco non tiñamos a posibilidade. E moitas non queremos aprender, non hai por que ser iguais no malo.

Por iso penso que se hai poucas mulleres en postos de “poder” non é só pola conciliación ou polo patriarcado, que tamén, senon por non aceptar as regras de xogo do poder.

E si, é un círculo vicioso. Con estas regras aguantan poucas e con poucas é máis difícil cambiar as regras.