Discernir

Onte, esperando o programa de Buenafuente, pasei polo Hormiguero. É un programa que non vexo moito porque coincide co Intermedio pero polo que paso as veces cando no Intermedio se poñen moi reiterativos. Foi o caso de onte.

Sei que ten bastante audiencia, que é un programa blanco e amable. Tamén sei que nas redes critican a Pablo Motos por non poñer aos invitadxs en apuros.

A ver… persoas tuiteras, cada programa ten as súas liñas e os seus espectadores. Se queredes ver como o presentador “maltrata” ás persoas entrevistadas mellor que elixades a Risto Mejide -non sei como se chama o programa que presenta-, Sálvame… e se me apurades El Objetivo. Pero non entendo que se pretenda que un programa amable pase a ser marrulleiro porque a persoa invitada non vos cae ben.

Ao que ía, onte estaba no Hormiguero Isabel Pantoja. O programa transcorreu na súa liña habitual; a entrevista estivo baseada na faceta profesional da cantante con toques persoais. En Tuiter foron aparecendo todo tipo de comentarios críticos con Pablo Motos por non tocar o tema dos delitos económicos da entrevistada, coa cadea por dar cabida a unha corrupta¿?…

A ver… outra vez. As persoas científicas, artistas… non sempre son boas persoas. Michael Jackson non parecía ser unha persoa moi equilibrada e parece que tamén foi delincuente pero iso non o converte en mal cantante ou bailarín e supoño que a xente á que lle gustaba seguiralle gustando. Camilo José Cela tamén parece que tivo as súas cousas como persoa -seica foi delator na posguerra- pero iso non tivo nada a ver para que lle deran o Nobel, escribía ben.

Isabel Pantoja era unha boa cantante -que a min non me guste non a fai mala- e supoño que o seguirá sendo.

Cometeu uns delitos económicos polos que foi xulgada e condenada. Pagou as débedas económicas que tiña coa facenda pública ademais da multa correspondente. Tamén estivo na cadea -da que eu non son partidaria para delitos económicos, sempre que se devolva o roubado e se pague a multa.

Que pasa? Non cremos na reinserción? Nas películas americanas dirían que xa pagou a débeda que tiña coa sociedade e que ten dereito a refacer a súa vida.

Xa me gustaría que tódolos delitos económicos -non só dos políticos- fosen xulgados e os delincuentes que os cometeron condenados da mesma maneira -especialmente no de devolver os cartos.

Advertisements

Tolerancia

Así é como a define o Dicionario da Real Academia Galega: Calidade de quen respecta as opinións e actitudes dos demais aínda que non coincidan coas súas.

Pois ultimamente vexo moitos atentados contra a tolerancia, pero disfrazados de ideoloxía democrática, eso si.

A cousa desenvólvese máis ou menos así:

Eu decido que son “lo más” feminista, solidaria, ecoloxista… e actúo dunha determinada maneira que non sempre é consecuente con todo iso -a perfección non existe- pero logo poñerei podre ´nas redes sociais a alguén que faga algo que a min non me gusta acusándoo de machista, insolidario… aínda que a actitude en si mesma non o sexa.

Cóstame pór un exemplo, non porque non os teña -tódolos días vexo un lote- senon porque son temas sensibles que de seguro van ser malinterpretados.

Por certo, falando de sensibilidades. Por qué o humor é ficción e liberdade de expresión cando se fai sobre relixións, persoas, colectivos diversos… pero o humor machista -e algún outro- non?

Ao que ía, a un exemplo de intolerancia disfrazada de ideoloxía. As cotas, que serven para as mulleres ou para os negros pero voume referir ás das mulleres porque nos cae máis preto.

A min non me gusta o sistema de cotas. Iso non quere dicir que non o acepte, nun momento determinado, pola súa utilidade. Pero con data de caducidade, mentras se van corrixindo as causas que manteñen o desequilibrio. Manter a proporcionalidade “obrigatoria” paréceme que tapa a realidade -o mesmo que a caridade tapa a inxusticia- e dificulta a normalización.

Que lle parece a algunha feminista? Pois que son machista. E o máis probable é que mo diga unha muller que ten unha filla cunha preciosa melena que non fai deporte porque non pode secar o pelo ela soa e os proxenitores non teñen tempo.

E así con moitísimas cousas: Se non actúas igual ca min entón eres…machista, insolidaria… Eu xa vivín isto noutro momento, pero non se complicaban tanto a vida: era pecado e xa está.

 

Os vestidos

A que se lía cada ano, co gallo das campanadas, co tema do vestiario feminino.

Dixen e escribín moitas veces o que penso ao respecto dos convencionalismos da estética feminina: pelo longo, zapatos con tacóns imposibles, vestimenta coa que resulta case imposible respirar, depilación, maquillaxe… en fin… un lote de cousas moi incómodas pero coas que os homes parece nos ven moito máis atractivas ?? E nós, por sentirnos admiradas… pois a sufrir. Xa sei que algunha desas cousas tamén a empezaron a facer os homes. Se o da igualdade vai por aí… pois que ben.

Aclarado o meu posicionamento no tema vestiario. Hai moitíiiisimas ocasións nas que as mulleres -especialmente as que teñen repercusión pública e/ou mediática- se prestan a estas escenificacións. Entregas de premios cinematográficos, musicais… Mesmo mulleres pouco sospeitosas de machistas poñen o disfraz correspondente para a alfombra vermella -ou de calquera cor- de turno. Locen vestidos que moitas veces non son seus, son prestados por casas de moda. A desculpa é que hai que promocionar a industria da moda que move moitos cartos e xera moitos postos de traballo. Nesas ocasións non se forma tanto alboroto nas redes sociais, seguramente porque esas mulleres son máis “poderosas” que as que presentan as campanadas.

Moitas desas mulleres -Madonna, Lady Gaga…- locen vestimenta que non ten nada que envexarlle á de Pedroche.

E xa que estamos na espiral capitalista, moito peor me parece defender o mantemento da industria armamentística porque o peche implicaría a desaparición de moitos postos de traballo. Disto si que non vexo eu nada nas redes. Pero esa é outra historia.

E digo eu… se nos imos pór quisquillosas, por qué non “xulgamos” pola maneira de vivir, de actuar na vida real? ou é que o real é o que sae pola tele?