Cambalache

Coñecín esta canción pola versión de Nacha Guevara, pero foi composta por Enrique Santos Discepolo moitísimo antes, 1934.

A letra sempre me pareceu politicamente pouco correcta, vai a contra da tendencia que se xerou coa volta da democracia; todxs somos iguais, calquera pode ser o que se propoña, todas as opinións son respectables, cada quen ten a súa verdade…

Hoy resulta que es lo mismo
ser derecho que traidor,
ignorante, sabio o chorro,
generoso o estafador…

Penso que nos pasamos con todas estas afirmacións, que fixemos unha mestura de conceptos. Supoño que, coma case sempre, a intención era boa, valorar as persoas que pertencen as clases sociais máis desfavorecidas. Pero tampouco hai que vivir nunha mentira.

Non somos iguais, nin física nin intelectualmente, e a desigualdade non provén só da situación económica e social. Existen limitacións xenéticas que nos van condicionar. Non todxs podemos ser deportistas de élite aínda que co adestramento poidamos mellorar as nosas condicións físicas nin ser “Nobel de Física” se temos unha discapacidade intelectual. Polo tanto calquera pode ser o que se propoña sempre que se propoña unha meta alcanzable.

Todas as opinións son respectables pero non todas son cualificadas. Eu non podo respectar da mesma maneira a opinión dunha persoa experta no tema que a de unha que non o é. Non entendo moi ben por qué agora lles dá aos medios de comunicación por preguntar por calquera asunto a persoas coñecidas por unha actividade que non ten nada a ver co tema polo que se lle pregunta. Mesmo os colaboradores dos programas de televisión opinan tanto de política coma da mecánica dun avión -cando hai un sinistro.

¡Todo es igual!
¡Nada es mejor!
Lo mismo un burro
que un gran profesor.

E as verdades? Onde queda aquilo de buscar a verdade? Agora hai tantas verdades coma persoas.

Se eu sinto que me enganaches o que é verdade é o sentimento, non necesariamente o engano.

Pero a interpretación que se fai é: eu sentín o engano e esa é a miña verdade.

E con tantas opinións e tantas verdades é moi difícil ir a ningures.

Advertisements