Contaminación

A primeira pregunta que me vou facer  é; por que o que pasa en Madrid ten tanta repercusión en todo o país?

Levamos varios días noa que non se fala doutra cousa -nos medios de comunicacións, que parece que viven nunha realidade paralela. Que non digo eu que non sexa un tema importante coma para que se fale del, o que me cabrea un pouco é a forma.

Para empezar os medios mandan ao centro unidades móbiles para mostrarnos a realidade de primeira man. Para facelo teñen que mandar vehículos de todo tipo -que cumplan coas normas do momento, pero que contaminan.

A continuación instálanse nos puntos de control -molestando ás persoas que están aí traballando.

E de seguido póñense a facer preguntas ás persoas que teñen que dar a volta por non cumplir os requisitos de entrada ao centro. E claro, o normal é que non estean moi contentas. Aquí é cando empeza o espectáculo. Pregúntanlle se lle parece ben a medida e empezan as respostas intelixentes e científicas que nos caracterizan; unha queixábase da desinformación porque ela cría que por non cumprir a normativa lle ían pór unha multa, non que a farían dar a volta (?), outra parecíalle mal que se tomase esa medida porque os coches non contaminan moito, contaminan máis as calefacións (?). Logo están as que lle parece incrible que non as deixen pasar para ir a unha cita médica que tiñan programada (?),… E finalmente están as que non sabían nada. Non sabían nada? En que país viviron estes últimos días? Se non se fala doutra cousa… Eu, que nin vivo alí, sei o das matrículas; o do número de pasaxeiros; o das motos, bicis, coches eléctricos, transporte público…; e ata boa parte das normas para carga e descarga.

Resumindo, que parece que o da contaminación é o de menos. O importante é criticar ás persoas que tomaron a medida, e as críticas son -coma se ve- variadas: que se non foi a medida axeitada, que se foi alarmista, que ne non se informou con suficiente antelación e claridade…

Tamén hai persoas ás que lle parece ben a medida, pero coma non se queixan non teñen case protagonismo.

Os Beléns de Martiño

A prensa local compostelá e a dereita -valla a redundancia- teñen como misión prioritaria desprestixiar a Martiño Noriega, si, a el persoalmente. Non ao goberno municipal, nin sequera ao alcalde. Saben que nas municipais a xente vota á persoa que encabeza a candidatura máis que ao partido que representa.

Nunha cidade coma Compostela o tema relixioso dá moito de si. A Catedral, o Apóstolo… son unha parte moi importante da súa economía. Por iso hai que aproveitar que o alcalde sexa partidario de diferenciar, sin enfrontar, as dúas institucións -Igrexa e Concello.

Pero este matiz, sen enfrontar, non lles vale a prensa e á dereita. Están empeñados en buscar un rechazo que na realidade non existe. Por máis que as autoridades eclesiásticas teñan manifestado que as relacións son boas… eles nin caso.

Vou pór coma exemplo a campaña Compostela en negro contra a violencia de xénero. O Concello puxo en marcha, no 2015, esta campaña e este ano conseguiu moita repercusión non só en Compostela senon noutos moitos concellos. A Catedral sumouse a esta iniciativa despregando na súa fachada un pano enorme co logo -supoño que o estar a fachada con andamios facilitouno- e o Concello e o Alcalde agradeceron ao Deán a súa colaboración. É isto enfrontamento?

O Nadal é un momento moi bo para buscar “anticatolicismo”. O ano pasado foi que non se puxo o Belén no Obradoiro e que a cabalgata de reis tiña poucas carrozas e había poucos caramelos -que eu me enterase. ¿?

O Belén foi substituído por un que se colocou nunha Igrexa emblemática -San Fiz de Solovio, a parroquia máis antiga e a de máis tradición navideña da cidade- que o resto do ano ten un horario de apertura moi restrinxido.

Polo que se refire á cabalgata parece ser que antes había máis carrozas e que algunhas tiñan como animación bailarinas -majorettes. Que digo eu que a quen ían dirixidas esas carrozas e que ten a ver esa animación cos reis magos. O da falta de caramelos… xa non sei que dicir. Por unha banda os caramelos xa son problemáticos de serie; que se os azúcares, que se a lactosa… E por outra teño visto algunha persoa marchar para a casa cunha bolsa do supermercado case chea.

Este ano as críticas para o Nadal están na falta de gasto na iluminación e na ornamentación do Obradoiro.  A min un bosque de contos e sons do Nadal, que te podes meter dentro, paréceme canto menos orixinal.

Para as da cabalgata de reis haberá que esperar uns días.

Querido Ateneo:

Vas cumprir 10 anos… mimadriña… coma pasa o tempo.

Cando souben do teu nacemento non o dubidei, decidín ser nai copartícipe e fíxenme ateneísta. Era máis ben un renacemento e algunhas persoas que te apadriñaban parecéronme “interesantes”.

Quero facer aquí unha paréntese para lembrar a Herminio Barreiro, co que traballei algún tempo -pouco, desafortunadamente- na Sección de Sociedade Civil. Posiblemente foron os meus mellores momentos contigo; sentía que había participación, colaboración, ausencia de protagonismo individual…

Viñeches a este mundo coas dificultades propias dun recén nacido: buscar o teu espazo.

E tamén por estar neste mundo heredaches o bo e o malo da sociedade. Eres machista, elitista, pouco transparente e pouco galeguista, por mencionar o que a min me parece máis relevante do “malo”. Non moi diferente que a maioría das asociacións que existen na sociedade, incluíndo partidos políticos, sindicatos…

Pero eu non me conformo con que sexas coma todxs, gustaríame que foses o mellor. Por iso moitas veces cabréome contigo e alónxome de ti, logo penso que podes mellorar e volvo acercarme… ás veces síntome orgullosa de ti, outras non tanto… Non son nai biolóxica pero supoño que debe ser algo parecido.

E sigo aquí… confiando en que sigas medrando e mellorando.

Cando se quere loubar as persoas físicas utilízase a expresión “bo profesional e mellor persoa”. Para ti gustaríame unha do tipo “bo organizador de actividades e referente de valores cívicos”.

Que cumpras moitos máis!!!

Seguridade Social

A nosa Seguridade Social é moi boa.

Moitas doenzas non teñen –hoxe- cura, lamentablemente.

As empresas farmacéuticas son basicamente privadas.

Todo é mellorable, a SS tamén, pero estar permanentemente cuestionándoa crea a sensación de que “a miña doenza” podería ser curada noutro país. Ou nunha clínica privada.

Teño visto nas redes alguén, de Cataluña, que pedía axuda económica para tratarse nalgures de Asturias de non recordo que. A verdade é que me sorprendeu porque non tiña eu coñecemento de que existise nese lugar “unha eminencia” que curase algo que a SS non poida curar.

Anécdotas aparte, a desconfianza na SS pode levarnos a casos coma o de Nadia e tamén a outros que sen ser fraudulentos non van resolver o problema. Créanse falsas espectativas ás familias dos doentes e aumenta a desconfianza en boa parte da poboación, que realmente cre que fóra do sistema sanitario “oficial” hai solucións, por iso se sinte identificada con estas persoas que piden axuda e colabora.

Efectivamente hai que investigar para atopar remedios para as doenzas que agora mesmo non o teñen. Ao longo da historia xa se atoparon medicamentos que curan ou fan crónicas doenzas antes incurables, pero o proceso dun decubremento científico é lento. Estamos afeitos a ir rápido para todo, queremos solucións xa… pero non é posible cunhas certas garantías.

Investigar non é coma desexar un videoxogo, que se fai moi rápido e xera beneficios moito más rápido aínda

Tampouco axuda moito ver tódolos días que xa alguén atopou a solución para o Alzheimer, o cancro… Cando a realidade é que se está a investigar e que parece que nos animais nótase uns efectos que poderían… E a min dáme que dentro de pouco haberá persoas pedindo axuda para ser tratados por eses “descubridores”

As empresas farmacéuticas envisten coma calquera outra empresa, non investigan polo ben común. Non son ONGs. O accionariado destas empresas non enviste os seus cartos aí para perdelos, non está facendo unha doación.

E digo eu… Resignarse e aceptar o “teu destino”, non. Vivir fóra da realidade, tampouco.

Empresas “malas”

Non hai día no que unha non se atope nas redes sociais algo sobre a maldade dos Srs. Ortega e Roig, coma representantes do Grupo Inditex –Zara, Berska…- e Mercadona. Ata Jordi Évole lles dedicou un programa a cada un.

Non digo eu que sexan “hermanitas de la caridad”, son empresarios e iso, por definición, implica que buscan ter beneficios –cantos máis mellor- da súa actividade empresarial.

As acusacións para Inditex son basicamente dúas: que contratan empresas doutros países para abaratar costes de producción e que distribúen a carga impositiva entre noutros países -europeos e que non están considerados paraísos fiscais pero que teñen cargas impositivas máis baixas- cumplindo a lexislación tanto de España coma dos outros países.

Na primeira o “pecado” é que as traballadoras desas empresas cobran X€ ao mes, non recordo exatamente, e considérase que iso é explotación. Pero na propia reportaxe dise que esa cantidade é a mesma que cobran nese país os mestres, por exemplo.

E digo eu… Nós debemos ser a India ou a China de Alemaña ou de Francia, porque as empresas do automóbil que fabrican aquí non pagan os mesmos salarios aos traballadores españois aquí que aos Alemáns alí… por iso fabrican aquí.

Para a segunda, a dos impostos, vou facer a pregunta que vin onte nun tuit; se unha parella pode facer a declaración da renda conxunta ou por separado, elixe a fórmula pola que pague máis?

E xa que falo da industria do automóbil, por qué non vexo nas redes nada en contra de Wolkswagen? Esa si que parece que incumpliu a legalidade por un tema medioambiental, ademais de económico –todo se fai para abaratar costes. Non somos tan ecolóxicos? Ou só ás veces?

As acusacións a Mercadona, na reportaxe, eran tamén dúas; que non lles gusta un sindicato en particular e que “perseguen” as persoas que están de baixa. Non se cuestionan en ningún momento as retribucións salariais que parecen ser razoablemente boas. O seguimento das persoas que están de baixa tamén o fan as compañías de seguros. A cidadanía tampouco se comporta sempre con honestidade.

E tamén digo… Non hai empresas que fan contratos lixo, contratos a tempo parcial que non é tan parcial…? Cáles son? Nunca vin nada diso nas redes.

Xs consumidores están moi satisfeitos con estas empresas.

Son as únicas que cometen algunha “irregularidade”?

Haberá algún interese oculto nestas campañas de desprestixio?

E volvendo ao principio, claro que os empresarios explotan aos traballadores, chámase plusvalía, forma parte do funcionamento das enpresas de capital privado e non sei porque pilla de sorpresa a ninguén… O sistema é así. Hai outro pero non nos gusta.