Defensores

Non escribo moito no verán, pero aproveitando a ponte -que non se pode saír moito porque está todo petado- vou comentar algo que vin nas redes.

Nunha páxina destas de salvadores, defensores dos dereitos da cidadanía… pero que non hai maneira de saber quen son, vin unha publicación na que había unha foto dun coche aparcado na rampa de acceso de minusválidxs co comentario correspondente da falta de civismo. Pensaba facer un comentario pero dinme conta de que xa alguén o fixera. O comentario era máis ou menos que estaba ben o da foto pero que sería mellor se chamaran ao guindastre para que retirase o coche inmediatamente. Reaccionei ao comentario mostrando a miña concordancia.

Este feito sérveme de motivo para comentar de forma máis xeral cal será o obxectivo das persoas que están detrás destas páxinas.

Como xa comentei, moitas veces son unha especie de plataformas cidadás pero que non mostran absolutamente ningunha información de se son unha asociación legalmente constituída, quen é a persoa responsable das publicacións… nada que xs identifique.

Algunhas veces defínense coma “defensores dos dereitos da cidadanía”. Eu teño moitas dúbidas ao respecto -no caso que comentei parece evidente que non se fixo nada para posibilitar a mobilidade das persoas con minusvalía. Para min defender os dereitos da cidadanía sería ser cívicx; non actuar contra os dereitos dos demais e actuar -na medida das posibilidades de cada quen- cando se están vulnerando os de alguén.

Dáme que os obxectivos destas páxinas son atacar ou pór en evidencia ás persoas e institucións de distinta cor política ou ter moitas reaccións ás súas publicacións -protagonismo. Ou as dúas cousas.

Non penso que se defendan os dereitos de ninguén poñendo fotos, memes, vídeos… nas redes sociais.