Votar coas tripas

É un dos múltiples argumentos cando non se está de acordo cos resultados. Porque, coma sempre, os que votan coas tripas son os outros.

Eu manteño que a racionalidade non é unha das nosas principais virtudes, os políticos sábeno e utilízano.

Non hai máis que ver a “racionalidade” do argumento principal da campaña: Para o PP  foi -e é case sempre- o medo ao descoñecido; para o PSOE a “culpa” de Podemos no fracaso do Goberno do cambio; para Podemos “paz y amor”…

Da irracionalidade dxs votantes de dereitas fálase moito. Non tanto da dxs de esquerdas. Pero xs votantes de esquerdas tamén somos irracionais. Eu supoño, aínda que os analistas non falan moito diso, que moita xente de esquerdas votou ao PSOE pola antipatía que lle xerou Pablo Iglesias pola súa “prepotencia”; que moita xente de centro esquerda votou ao PP pola incertidume dun Goberno con Podemos; que moita xente de esquerdas non votou a Podemos por non ter acordado un Goberno con C’s e PSOE e outra moita non votou ao PSOE por non formar Goberno con Podemos e os nacionalistas -de esquerda e de dereita-… Pero ningunha razón relacionada directamente coas medidas que se tomarían en cada caso.

Parece que nin os analistas nin os dirixentes de Podemos saben por que perderon votos. Eu vou dar unha razón, que é a que fixo que perderan o meu: que nas anteriores me enganaron. En Galiza perderon sesenta e pico mil votos e un escano, que pouco me parece. E non sei por que lles pilla de sorpresa porque na asemblea de En Marea, do 15 de maio, a maioría das persoas que tomaron a palabra -fóra dos mitins inaugurais- e as representantes das mesas de traballo cuestionaron a fórmula da coalición. Dentro de En Marea hai bastantes persoas nacionalistas -aínda que pode que moitas non independentistas- que aspiramos a ter voz propia no Parlamento do estado. Ese fora un dos obxectivos de En Marea para as eleccións de decembro.

Estaba claro que dentro de En Marea había un ruxe-ruxe con ese tema. Pode que moitxs a votaran de todas formas -tamén na esquerda hai “fieis”. Está claro que sesenta e pico mil, non.

Advertisements