Mercadotecnia

Estamos nun punto no que a mercadotecnia é a nai de tódalas ciencias.

A mercadotecnia é, segundo a RAG “Conxunto de accións ou técnicas de estudo de mercado encamiñadas fundamentalmente a incrementar a demanda comercial.”. Está bastante claro cal é a finalidade pero non está tan clara a liña que separa a exaltación do produto do engano.

Eu quedei un pouco decepcionada cando oín que un técnico en mercadotecnia de Pescanova, militante do PSdG que colaboraba nunha campaña electoral, parece que dixo que a el tanto lle tiña vender “Rodolfo Langostino” coma PSOE. Eran outros tempos, cando pensabamos que a mercadotecnia só servía para enganar á xente e así facer que mercara cousas que non precisaba, productos máis caros “que se supoñía mellores”… e que os partidos non deberían recorrer a iso.

Pero… os tempos mudaron e agora calquera partido que se precie ten as súas persoas que se ocupan deste asunto.

Posiblemente sexa Podemos o que mellor o fai: estar continuamente nos medios; poñer a imaxe de Iglesias nas papeletas; utilizar a provocación para xenerar polémica -bebé no Congreso, pico con Domènech, casamenteira con Miguel Vila na tribuna, cal viva… Nesta segunda volta de campaña tamén hai golpes impactantes: formato do programa electoral, exaltación de Zapatero…

É que nisto non hai liñas vermellas? Que pasou co 135? Que eu xa sempre mantiven que foi máis unha cuestión de forma que de fondo, pero ata non hai nada unha das primeiras cousas que aparecía nas propostas de actuación de Podemos e confluencias era derogar ese artigo e aproveitaban para explicar todos os males que nos podía traer, e todo por culpa de Zapatero.

E sorpréndeme porque en Podemos hai moita base anticapitalista, pero non sei moi ben a que se refiren porque máis capitalista que a mercadotecnia non hai. Penso que sería a segunda característica -despois da propiedade privada dos medios de producción- do capitalismo.

Chamádeme antiga pero para min o fin non xustifica os medios. Entendo que por definición un partido ten lexítimo dereito a querer gañar as eleccións pero o de “teño uns principios pero se non lle gustan podo cambialos”…

E crédeme que o sinto. Ao primeiro gustábanme.