O discurso e a práctica

Dende sempre ocórreme algo curioso no paso do discurso teórico á practica na miña vida cotiá.

A miña educación foi convencional, baseada na moral cristiá… o normal nos anos 50-60. Xa na Universidade, polos 70, entrei en contacto cxs “progres” e coñecín outras formas de ver as relacións de parella, a familia… Ao principio foi un choque pero rematei pensando que efectivamente as relacións de parella e familiares convencionais eran moi desiguais e alienantes -especialmente para as mulleres.

Pero… sorpresa!!! Os mesmos homes que me axudaron a mudar a miña visión da vida trataban despois de convencerme para casar e ter fillxs. Casar polo civil, iso si, pero o da crianza coma sempre.

Neste momento estame a pasar coa Política. Sempre pensei que os partidos minoritarios tiñan que ter máis relevancia na toma de decisións -até estaría polo dereito de veto- que fixera que o goberno tivese que consensuar as leis. Apareceu a tendencia das maldades do bipartidismo e aínda que non concordo totalmente con isto -xa que co dereito de veto estarían resoltas- aceptei polbo coma animal de compaña. Cando xa o tiña aceptado resultou que os políticos non foron quen de intentar gobernar entre varios e agora temos que volver votar a ver se se consigue outra vez o bipartidismo. Antes eran PP e PSOE e agora parece que van ser PP e UP.

Cal é o cambio? Para min ningún. Que o PP teña que pactar con C’s para gobernar non vai mudar as políticas que se fagan -no caso da dereita- E que goberne Podemos en vez do PSOE -no caso da esquerda- tampouco. De feito os votantes son os mesmos e por iso se empeña Podemos agora en ser máis socialistas que Pablo Iglesias Posse (1850-1925).

E, outra vez, a única que segue a pensar que ter que poñerse de acordo entre varios grupos é bo, son eu.