Reforma fiscal

Xestionar a economía dunha comunidade é complicado.

Vou empezar polo gasto.

Utilizar os cartos, limitados, en usos alternativos e que lle pareza ben á maioría require moita sensatez e habilidade. Pero neste caso hai algunhas cousas moi claras nas que se debe gastar coas que coincidimos todxs: a saúde -entendendo saúde non só coma a atención cando falta, senon o mantemento dela e a prevención das enfermidades; a alimentación, o vestido, a vivenda…- e a educación. Polo tanto xa se sabe por onde empezar. E a partir de aí vanse considerando as prioridades de cada momento.

Pero, e os ingresos?

Iso si que me parece complicadísimo.  No caso dun estado a principal fonte de ingresos son os impostos. Os impostos pagámos todxs e pagarlos non lle gusta a ninguén.

Eu penso que temos que pagar impostos -moitos- e tampouco me parece mal que as administracións utilicen as sancións como unha forma de recadación. Que un concello me poña unha multa por aparcar en doble fila paréceme ben por varias razóns; por unha banda pode facer que a cidade sexa máis cómoda e segura -efecto disuasorio- coa vantaxe de que non é obrigatorio -eu podo evitalo- e por outra o concello obtén ingresos.

Aclarado que penso que teño que pagar impostos -no meu propio beneficio e no doutras persoas que o precisen máis ca min- gustaríame entendelos.

Un par de exemplos.

Xs pensionistas pagamos IRPF -rendemento do traballo-, non é unha contradicción? A xubilación é -coma norma xeral- incompatible coa realización dun traballo remunerado. Polo menos podíanlle cambiar o nome.

Ao recibir unha axuda para cambiar o coche -plan PIVE- tes que declarar un incremento patrimonial por esa cantidade. Incremento patrimonial? Comprando un coche? Pois xa postos debería poder declarar un decremento patrimonial cando o matriculo, porque nada máis matriculalo xa perdeu unha boa parte do seu valor.

En fin… A ver se é certo que algunha vez se aborda unha reforma fiscal. Eu pediríalle que ademais de ser xusta e redistributiva tivese lóxica -lóxica da lóxica de andar pola casa.

Porque estas tontunas cabrean un pouco, mesmo as persoas que aceptamos medianamente contentas que hai que pagar.

Advertisements