Mans limpas

Sempre me chamou a atención a xente “purista” que vai esixindo comportamentos éticos, defendendo xs “desamparados”… de forma gratuíta.

Tamén me pasou con Manos limpias. Houbo un momento no que todo o mundo estaba moi contento con elas -mans limpas. Os de dereitas porque conseguiu inhabilitar a Garzón e os de esquerdas porque acusaron á infanta -por poñer dous exemplos moi mediáticos. Eu dende o momento que apareceron estiven moi intrigada pola súa motivación. Sabía que había algún interese en “defender a cidadanía e as liberdades” con tanto entusiasmo, pero -ilusa- pensaba que a intención era política, que querían buscar apoio cidadán e mediático para formar un partido político ou algo así.

Pero non, coma sempre a finalidade é encher os petos.

Tamén me preguntei o por que de tanto éxito e tanta aceptación popular. O do éxito -visto o visto- está claro: a estorsión. É moi difícil non ceder a chantaxe cando se trata dunha actividade pública, o prexuízo da difamación pode ser moito maior -tanto en termos económicos coma morais.

O da aceptación popular só mo podo explicar pola “dobre moral”. Eu podo desgravar a compra da vivenda -aínda que a miña situación económica me permitira non facelo- porque é legal, pero ti non podes utilizar mecanismos para pagar menos -aínda que sexan legais- porque é pouco ético ou inmoral.

E, de todo isto aproveitouse Manos limpias. E tamén os medios de comunicación. Tamén a eles lles importa moito a moralidade se así poden ter horas de TV, follas de xornais… ademais de “egos” de xornalistas. O que fagan eles para conseguilo -subornar ao funcionariado, mentir, “crear” a nova…- non importa se é legal, moral… Todo por nós, polo noso dereito á información. Encher os petos é colateral.

Non sei ata onde chegaremos nesta escalada de moralidade!!!