La culpa fue del Cha-cha-chá

Esta é a impresión que me dá cando escoito aos políticos falar.

Ninguén quere ter a culpa. Na vida cotiá vexo moitas veces pelexas por botar a culpa uns a outrxs mesmo por sucesos accidentais. Por que facemos iso? Pois eu penso que para adiantarnos, non vaia ser que ao remate haxa responsabilidades. Se hai un culpable e non son eu, todo está ben. Non importa se o problema segue sen solucionarse, non foi culpa miña.

E nesas estamos na política.

Antes das eleccións a culpa era do bipartidismo e dos partidos maioritarios.

Despois das eleccións, xa sen bipartidismo, hai que empezar a sacudirse a culpa porque non se quere asumir a responsabilidade de nada. Todos son moi puristas e “hai cousas polas que non poden pasar”.

Que digo eu… Unha lexislatura tampouco dura tanto. Non creo que lles dera tempo a facer tódalas cousas nas que están de acordo e que son de emerxencia. Non se vai facer un referendo monarquía-república? -por pór un exemplo- Ben, supoño que podemos esperar outros catro anos. Pero hai cousas que non poden esperar.

E agora parece que nos van pasar  pelota á cidadanía. Xa os estou oíndo… non podemos permitir que goberne un partido indecente, bla bla bla, bla bla bla.

E tamén digo… Por que non o impedistes vós?

Comigo non contedes, non vos volverei dar o meu voto. Votarei, si -considéroo un deber, ademais dun dereito- pero non volverei votar a quen me enganou e defraudou. Manifestarei co meu voto a miña disconformidade coa vosa actuación, que eu considero irresponsable. Non me importa demasiado quen tivo máis culpa ca quen.

É máis, penso que os tres tedes a mesma responsabilidade.