González-Guerra, Iglesias-Errejón

Levaba tempo sen escribir porque o tema investidura ou eleccións, que é o que está de moda, non me apetece. Os podemistas levan mal as críticas. Por certo, tamén se lían con catro botóns. Menos mal que está Carmena para dicir o que penso.

Vou xogar a “análise xornalística”, e dicir, falar por falar.

A raíz dos “desencontros” Iglesias-Errejón parece que se quere comparar esta parella política coa González-Guerra. Eu penso que si, ambalasdúas son parellas políticas, pero pouco máis.

Na do PSOE, que funcionou moi ben bastante tempo, o “duro” encargábase da organización do partido “el que se mueva no sale en la foto” e da portavocía -verbalmente bastante agresiva para a época- no Parlamento, xa sabemos o do cabalo de Pavía. O máis transversal, máis amable e simpático -ademais de carismático- era Secretario xeral e candidato. Estou a falar dos anos anteriores a formar goberno.

Na de Podemos parece que pasa o contrario, o duro -verbalmente agresivo- e carismático é o candidato e o transversal é portavoz no Parlamento, que tamén se ocupaba da organización -até o de agora.

Funcionará igual de ben esta parella?

Podemos precisa converterse no PSOE do 82 porque os votos necesarios para gobernar están nese caladoiro. Non somos un país de esquerdas, coma se nos conta tantas veces. Case a metade é de dereitas, dereitas -aí están os resultados das eleccións- e a outra metade é variada -dereita nacionalista, centro dereita, esquerda nacionalista, esquerda socialdemócrata, esquerda radical…

A estratexia do PSOE foi, cando gañou, facer un discurso socialdemócrata -abandonando o marxismo- cun candidato con moito carisma por unha banda -González-, e un control férreo do aparato do partido por outra -Guerra. E foille ben.

Penso que repetir esta fórmula en Podemos non é posible. Primeiro porque o momento non é o mesmo e logo porque non é doado controlar os movementos sociais -claro que en Podemos case todxs son especialistas en movementos sociais e eu non, pode que si.

Fácil non vai ser, Fernando Vallespín, no artigo Ni contigo ni sin ti, xa nos conta que á cidadanía non nos gusta que as formacións políticas teñan liortas internas.

Posiblemente Iglesias tería que errejonizarse, para pescar votos moderados e Errejón? Echenique? apaciguar as discrepancias internas… Non sei, non vexo eu moito a esquerda anticapitalista apaciguando…

Advertisements