Ética e demagoxia

Hoxe vin na prensa unha nova sobre o salario e os gastos e doacións de Carmena e outrxs.

Coma case sempre concordo con ela. Se hai que prescindir do monto total que se cobra, mellor que sexa dos complementos, dietas por asistencia a plenos… antes que dos salarios.

Se se cobra todo e logo se dona parte do cobrado -posición na que está Podemos- cada persoa decide o destino ao que van eses cartos -partidos, ONGs…- en calquera caso  organizacións privadas. E os beneficios repercuten nun grupo determinado. Que non digo que non estean ben empregados, eu tamén fago doacións, ademáis de pagar todos os impostos que me corresponden. Pero se o que se fai é suprimir as dietas ou determinados complementos a beneficiada será toda a cidadanía, esas cantidades quedan no concello -neste caso- para toda a veciñanza.

Xa falei outras veces disto, porque póñome algo atacada cada vez que escoito dicir que hai que baixar os salarios. Que somos? O presidente da confederación de empresarios?

Os salarios son o último que se toca. Se hai que diminuír a cantidade que se percibe mellor empezar por gastos de representación, dietas por asistir aos plenos, comisións… O salario é o que determina as cotizacións á SS, as extraordinarias…

Por todo isto é polo que me parece máis ético o que fai Carmena: cobrar máis e pagar os gastos institucionais co seu soldo. Cobrar menos salario e pasar aparte outros gastos -para rematar quedándote co mesmo- paréceme demagóxico.

Tamén me parece máis ético que sexan os gobernos -municipais, autonómicos, estatais…- os que decidan o destino desas cantidades en vez de persoas individuais, por moito que sexan do partido “guai”.

O que non se cobra vai ao erario público, o que se dona non.

Advertisements