O amor

Que fartura!!! Pensei que xa nos desfixeramos desta lacra, pero parece que volve con forza.

A ver, que non é que en si mesmo sexa malo. Segundo a definición da Academia, “1. Sentimento de grande afección, amizade, tenrura, simpatía, etc., [que se experimenta por alguén]. 2. (…) acompañado de atracción sexual.”

Pero claro os sentimentos é o que teñen, que se poden utilizar para a manipulación -o medo tamén é un sentimento. A manifestación máis primitiva da manipulación do amor, para min, é a que fan as crianzas cando lle din a calquera dos proxenitores ou educadores -normalmente a nai, máis “adestrada”- cando as están reprendendo por algo que fixeron mal: “pois agora xa non te quero”. Tan pequerrechas e xa saben, instintivamente, que é o mellor “argumento”: se fas algo que me desgusta eres malx e entón xa non te quero, pero se rectificas podo volver quererte.

O amor é a base na que se sustenta o patriarcado, sempre son as mulleres as que teñen que coidar e protexer o amor dentro da familia, ademais do da parella.

Polos anos 70 as mulleres -moitas- empezamos a cuestionarnos o amor romántico porque moitas veces non se aprecia a liña que separa o amor do sometemento. A sabedoría popular está chea de ditos ou refráns que o confirman: Quien bien te quiere, te hará llorar; amores reñidos, los más queridos; amar y saber, todo junto no puede ser; el que se casa por todo pasa; ira de enamorados, amores doblados; quien bien quiere, bien obedece; el corazón tiene sus razones que la razón desconoce…

Aprendemos a compaxinar o amor coa liberdade; a amar a alguén e ter vida propia; a deixar a crianza nas Escolas infantís; as persoas maiores nos centros de día ou residencias… sen sentirnos culpables.

Pero a modernidade volveu rescatar ao amor. Empezouse a reprochar xs docentes que non queriamos ao alumnado, as nais que non aleitan o tempo suficiente, mesmo se entende e xustifica que se fagan cousas irracionais “porque estaba namoradx”, normalmente “a”.

E o amor chegou á política. “Non estamos de acordo, pero querémonos” ???

Pois eu case prefiro que vos poñades de acordo aínda que non vos queirades.

 

González-Guerra, Iglesias-Errejón

Levaba tempo sen escribir porque o tema investidura ou eleccións, que é o que está de moda, non me apetece. Os podemistas levan mal as críticas. Por certo, tamén se lían con catro botóns. Menos mal que está Carmena para dicir o que penso.

Vou xogar a “análise xornalística”, e dicir, falar por falar.

A raíz dos “desencontros” Iglesias-Errejón parece que se quere comparar esta parella política coa González-Guerra. Eu penso que si, ambalasdúas son parellas políticas, pero pouco máis.

Na do PSOE, que funcionou moi ben bastante tempo, o “duro” encargábase da organización do partido “el que se mueva no sale en la foto” e da portavocía -verbalmente bastante agresiva para a época- no Parlamento, xa sabemos o do cabalo de Pavía. O máis transversal, máis amable e simpático -ademais de carismático- era Secretario xeral e candidato. Estou a falar dos anos anteriores a formar goberno.

Na de Podemos parece que pasa o contrario, o duro -verbalmente agresivo- e carismático é o candidato e o transversal é portavoz no Parlamento, que tamén se ocupaba da organización -até o de agora.

Funcionará igual de ben esta parella?

Podemos precisa converterse no PSOE do 82 porque os votos necesarios para gobernar están nese caladoiro. Non somos un país de esquerdas, coma se nos conta tantas veces. Case a metade é de dereitas, dereitas -aí están os resultados das eleccións- e a outra metade é variada -dereita nacionalista, centro dereita, esquerda nacionalista, esquerda socialdemócrata, esquerda radical…

A estratexia do PSOE foi, cando gañou, facer un discurso socialdemócrata -abandonando o marxismo- cun candidato con moito carisma por unha banda -González-, e un control férreo do aparato do partido por outra -Guerra. E foille ben.

Penso que repetir esta fórmula en Podemos non é posible. Primeiro porque o momento non é o mesmo e logo porque non é doado controlar os movementos sociais -claro que en Podemos case todxs son especialistas en movementos sociais e eu non, pode que si.

Fácil non vai ser, Fernando Vallespín, no artigo Ni contigo ni sin ti, xa nos conta que á cidadanía non nos gusta que as formacións políticas teñan liortas internas.

Posiblemente Iglesias tería que errejonizarse, para pescar votos moderados e Errejón? Echenique? apaciguar as discrepancias internas… Non sei, non vexo eu moito a esquerda anticapitalista apaciguando…

Adolescencia social

Traballei no ensino secundario e recoñezo un comportamento adolescente.

Xa dende pola mañán cedo están irascibles -así, en xeral, e vana manifestando segundo van aparecendo as situacións: no almorzo coa nai, no instituto co profesorado, con compañeirxs no recreo… Iso leva a irritabilidade e ao desexo de chamar a atención, se pode ser desafiando a autoridade moito mellor.

Tamén teñen contradiccións respecto das persoas adultas da contorna; por unha banda renegan delas e pola outra esperan a súa axuda cando se meten en líos. O mesmo lles pasa coas normas; tanto as incumplen sistematicamente como esixen o estricto cumprimento cando lles favorecen.

Que determinados comportamentos adolescentes irrespetuosos sexan explicables non quere dicir que sexan xustificables.

Todo isto vén a conto do caso de Rita Maestre. Paréceme ben que se desculpara, que recorra a sentenza por desproporcionada e tamén me parecerá ben que ao remate “pague” dunha maneira proporcionada a súa actuación irrespetuosa. Paréceme ben que non dimita, penso que non sería xusto que iso repercuta na súa vida profesional ou persoal presente ou futura.

Non entendo moi ben todo o lío que se está montando. Rebentar un acto -sexa relixioso, político, cultural…- non é aceptable. A ofensa non só é pecado, tamén é delito. Pero que ela sexa unha política non debería ser un agravante.

Este tipo de delitos propios de adolescentes -botellóns, violencia nas rúas, rebentar actos públicos…- non se deben ignorar -penso eu. Parte do proceso de maduración é coñecer que existen outras persoas que pensan de forma diferente a túa e respetalas, que o mobiliario urbano é un ben común, que as drogas prexudican a saúde… Minimizar o tema e que non teña repercusión algunha non axuda a este proceso de maduración. Pór castigos exemplares, tampouco. As penas deben ser educadoras.

Somos unha sociedade adolescente. Por unha banda non somos quen de resolver os nosos problemas dunha forma adulta -o meu posicionamento é o bo e o outro é o que debe revisar o seu- e xudicializamos calquera situación e por outra arremetemos contra o sistema xudicial cando non nos dá a razón.

Será por iso que nos gustan os políticos que se comportan como adolescentes?

Ética e demagoxia

Hoxe vin na prensa unha nova sobre o salario e os gastos e doacións de Carmena e outrxs.

Coma case sempre concordo con ela. Se hai que prescindir do monto total que se cobra, mellor que sexa dos complementos, dietas por asistencia a plenos… antes que dos salarios.

Se se cobra todo e logo se dona parte do cobrado -posición na que está Podemos- cada persoa decide o destino ao que van eses cartos -partidos, ONGs…- en calquera caso  organizacións privadas. E os beneficios repercuten nun grupo determinado. Que non digo que non estean ben empregados, eu tamén fago doacións, ademáis de pagar todos os impostos que me corresponden. Pero se o que se fai é suprimir as dietas ou determinados complementos a beneficiada será toda a cidadanía, esas cantidades quedan no concello -neste caso- para toda a veciñanza.

Xa falei outras veces disto, porque póñome algo atacada cada vez que escoito dicir que hai que baixar os salarios. Que somos? O presidente da confederación de empresarios?

Os salarios son o último que se toca. Se hai que diminuír a cantidade que se percibe mellor empezar por gastos de representación, dietas por asistir aos plenos, comisións… O salario é o que determina as cotizacións á SS, as extraordinarias…

Por todo isto é polo que me parece máis ético o que fai Carmena: cobrar máis e pagar os gastos institucionais co seu soldo. Cobrar menos salario e pasar aparte outros gastos -para rematar quedándote co mesmo- paréceme demagóxico.

Tamén me parece máis ético que sexan os gobernos -municipais, autonómicos, estatais…- os que decidan o destino desas cantidades en vez de persoas individuais, por moito que sexan do partido “guai”.

O que non se cobra vai ao erario público, o que se dona non.