O IBEX 35

E ti, de quen vés sendo?

Non estamos no século XIX. Por aquelas as cousas eran moito máis sinxelas, para ben e para mal.

Un comercio, unha fábrica… mesmo un banco tiñan un dono único -máis tarde podía derivar nunha empresa familiar. As ganancias eran súas e as perdas tamén. Houbo casos nos que a quebra dun banco levou a unha familia á ruína porque tivo que facer fronte aos depósitos da clientela co patrimonio familiar. Por aquelas non había inxeñería financieira, nin concursos de acreedores…

Se hoxe as cousas fosen así efectivamente as empresas do IBEX 35 estarían relacionadas cunha persoa. En realidade se as cousas seguiran igual non habería IBEX 35.

E tampouco habería preferentistas. Os bancos serían dunha persoa, tería clientes, e xa está.

Pero agora as cousas son doutra maneira -máis complicada- e as empresas teñen accionistas. E dentro das persoas que teñen accións dunha empresa hai de todo: grandes, medianos e pequenos accionistas -agora chamados aforradores.

Eu nunca tiven accións de ningunha empresa -nin penso telas- eu aforro para pagar a hipoteca, para mercar un coche, unha tele, un ordenador… para viaxar… en fin, para vivir segundo os meus ingresos, que considero bos, teño que dicir.

Pero coñezo persoas con ingresos similares aos meus, con máis cargas familiares que as miñas, que si que teñen cartos “investidos” en accións que, case por definición, son de empresas do IBEX 35. Seguramente o das cargas familiares foi o que as levou a tomar esa decisión. Xa se sabe, o futuro…

Estas persoas queren que o investimento que fixeron sexa rendible -normal- e polo tanto que a elas lle vaia ben pasa porque aos propietarios e a os grandes accionistas tamén lles vaia ben.

Xa sei que as persoas das que falo non están en situación de emerxencia social -aínda que cando se fala dos preferentistas parece que si- pero pertencen a esa famosa clase media -agora un pouco menos media- que é abundante e segundo tódolos discursos a que sostén ao país.

É por todo isto que non entendo moi ben por que se fala do IBEX 35 coma se fose o home do saco.

Que é estar co IBEX 35? Pero se é un índice…