Non é a parte, é o todo

Onte vin a reportaxe de Évole, sen demasiado interese, tamén teño que dicir.

Aínda que formalmente pretendía expór a explotación das traballadoras por parte das empresas téxtiles, en realidade parecía que o que quería era desprestixiar un grupo téxtil en particular.

Analizou un sector -en realidade unha empresa- coma se a explotación fose cousa de uns poucos desalmados, pero a realidade é outra. Por outra banda vimos que os salarios das traballadoras en moitos casos son equiparables aos do profesorado -dese mesmo país-, por exemplo. Isto tamén nos da unha idea de que o problema está noutro lado.

A deslocalización é unha consecuencia da globalización e prodúcese en todos os sectores productivos. Hai pouco vin unha entrevista a un enlace sindical dunha empresa automobilística na que contaba que os traballadores decidiron baixar os seus propios salarios para que a empresa non se trasladara a outro país -tamén europeo- con salarios máis baixos. A deslocalización deixaría sen traballo non só aos traballadores directos senon tamén a moitos outros de empresas provedoras. El mesmo recoñecía que esa medida estaba prexudicando aos traballadores do outro país, no que se crearían moitos postos de traballo directo e moitos máis indirectos.

É o que hai, tamén as axudas ao sector agroalimentario nos países europeos prexudica aos campesiños iberoamericanos e africanos que teñen que competir, sen axudas, cos precios europeos. Que nuns lugares se intensifique a producción agrícola -invernadoiros, regadíos…- vai en detrimento doutros lugares con menos recursos. Imos demonizar aos campesiños europeos e responsabilizalos das condicións de vida dos iberoamericanos e africanos?

Todo isto é cousa do sistema, que por moitas crises que teña e moita inxustiza que xenere, ninguén quere mudar. Hai que refundar o capitalismo, díxose timidamente ao principio da crise, pero non. Parchear o xusto para que non estale.

E no sistema estamos todxs, e todxs pensamos que é o mellor. Non coñezo a case ninguén que pense que sería mellor un sistema económico socialista ou comunista.

Pero claro, a responsabilidade colectiva non queda ben, nin vende. Queda mellor responsabilizar a alguén concreto.

Cambiaría o sistema se desaparecesen Amancio Ortega e o seu grupo?