Solucionar o irresoluble

A tranquilidade non é moi valorada, asóciase a aburrimento. E así pasamos boa parte da nosa vida perseguindo imposibles.

No individual, por exemplo: ser feliz, isto merece capítulo aparte pola ansiedade que esta espectativa xenera; tentar conseguir cousas contradictorias, coma unha vida profesional moi exitosa e unha persoal moi completa; que non ocorran accidentes…

E no colectivo, estamos na moralización da política. Escoitei esta expresión nunha tertulia política. Non vou mencionar ao autor da expresión porque non estou moi segura de que o desenvolvemento que vou facer coincida exactamente coa súa intención. Non estaba eu moi atenta, coma case sempre nestas tertulias -polas poucas novidades que aportan- e ás veces perdo matices.

O asunto é que, efectivamente, a política estase a ocupar case exclusivamente da Moral. Establecer un código ético é o primeiro obxectivo de calquera plataforma ou partido que empezan e revisar o existente para os xa establecidos.

Resulta comprensible porque o grao de corrupción que existe dá moito que pensar.

Pero pretender que a Política se ocupe da Moral é unha perversión. A bondade e a maldade non son realidades obxectivas -matar en defensa propia, é bo? reventar un acto público, é exercer o dereito de liberdade de expresión ou é unha actuación represiva e antidemocrática? E ademais, a existencia dos códigos civil e penal non fai que deixe de existir a delincuencia ao igual que a existencia dun código de circulación non impide que haxa accidentes.

Cada vez que ocorre unha desgraza escoitamos a mesma frase “Que isto non poida suceder outra vez” pero iso é imposible.

Pretender que a actividade política se centre na Moral pode ser de proveito para os liberais, os poderes económicos e mesmo para os relixiosos que agora xa non se dedican só á soflama, agora teñen gabinetes xurídicos para manter ocupadxs xs políticxs.

Digo eu que estaría ben que a Política -xs políticos- se dedique fundamentalmente a gobernar, é dicir a arranxar as cousas.