Coalicións

É curioso como ás veces, nalgún momento coinciden cousas.

Onte fixo 80 anos que o Frente Popular gañou as eleccións xerais. Era unha coalición electoral formada por moitos partidos de esquerda, republicanos, nacionalistas… co respaldo dos sindicatos. En Galiza, o Partido Galeguista entrou no Frente e en Cataluña e en Valencia presentouse outra coalición “Front d’esquerras”, apoiada polo Frente Popular.

A que me soa?

E tamén coincide que estou lendo unha novela de Eduardo Mendoza, escrita no 2010 e ambientada na primavera de 1936. Hai unha escea que me chamou a atención. Un Inglés acaba de chegar a Madrid e, vagando polas rúas, métese nunha taberna ateigada de xente. Ao comprobar que era estranxeiro todos querían explicarlle a revolta situación que se estaba a vivir na rúa. Segundo un, a raíz do conflicto está na actitude dos cataláns (…). O inglés intervén para dicir que el está convencido de que todo se pode resolver co diálogo e a negociación. E liouse… “Ao non defender a postura de ninguén, todos o consideraban aliado do contrario”.

A que me soa isto tamén?

E digo eu… Onde está a nova forma de facer política?

Ou eu ou o desastre, e ti máis, se non estás comigo estás en contra de min, non se pode ser obxectivx porque entón todxs estarán en contra de ti, foi el o que empezou…

Dáme a impresión de que estou a facer unha “garda de patio” no instituto.

Advertisements