Si, hai un perfil

Vin o programa de Jordi Évole, “El machismo mata”. Aproveito para dicir que me gusta -Évole- pero penso que está un pouco sobrevalorado, é certo que na terra dos cegos o chosco é o rei, pero en bastantes das súas reportaxes non aporta moitas luces á cuestión. É o caso do de antonte.

Calquera docente de Ensino Secundario podía facer unha análise similar á que se desprende desta reportaxe.

Eu quero subliñar dúas cousas que me gustou oir, non porque fosen para min unha novidade senon porque me alegra oír o que penso en boca de persoas que se supón cualificadas.

A primeira pertence á intervención de Jorge Freudenthal, psicólogo terapeuta de maltratadores. Define o fenómeno coma unha ideoloxía, unha forma de pensar que se basea no dominio e o control. E plantea a reeducación como buscar novas formas de pensar. Isto tiraría por terra -segundo eu o vexo- o estereotipo de que non se poden curar e o de que non hai un perfil.

Cando se di que non hai un perfil sempre se menciona o nivel económico, cultural, social… para confirmar que hai maltratadores  e maltratadas en todos eles. Iso é certo, pero eu penso que si que hai un patrón, tanto nos homes como nas mulleres, e é que cren na superioridade dos homes, no patriarcado, o mesmo que xs que cren na superioridade dunha raza ou dun pobo. En moitos casos os homes non teñen que recorrer á violencia física porque as súas mulleres xa fan o que el quere, aceptan o dominio e o control porque teñen a convicción que así é como ten que ser. Algunhas mulleres encadean unha relación de maltrato con outra porque a idea que teñen de home ideal é a dunha persoa dominante, decidida, que te queira para el só…

A segunda é unha intervención de Marina Marroquí, Educadora social, na entrevista que lle fai Évole ao final. Manifesta que non é partidaria de que se estean dando as cifras de mortas e dá dúas razóns; unha: o que menos precisan as mulleres maltratadas é un minuto de silencio e outra: a mensaxe para as vivas que están sendo maltratadas é que de aí van saír cos pés por diante.

Advertisements