As formas

Tampouco nisto avanzamos moito. Achacamos ao “antigo” o de xulgar polas formas pero penso que agora, pola influenza dos medios, analizamos as formas moito máis ca nunca.

Dende a modernidade denostamos os protocolos, os convencionalismos na forma de vestir ou de comportarnos. Eu a primeira. Fun “progre” e vestía o pantalón de pana, o xersei grande de lá e a trenca -o xersei “puligan” de colo pico era de “pijos”. Para calquera ocasión. Pensaba que a forma de vestir non era relevante. Custoume un suspenso en Formación do Espíritu Nacional -era unha asignatura para difundir os principios do “Movemento” e, no caso das mulleres, para enseñarnos modales. A profesora considerou que o pantalón, iso que neste caso non era de pana, non era a vestimenta apropiada para entrar na catedral.

Faciámolo porque pensabamos que era menos clasista, que o considerado elegante era máis caro. Non era exactamente así porque as trencas eran inglesas e custaban unha pasta, seguramente o mesmo que o abrigo “condón” -que levaban os pijos- verde.

Pois agora, despois de moitos anos e un cambio de réxime, a cousa segue igual ou peor. A última foi o esmoquin de Iglesias.

Pero eu vexo unha diferenza -e non para mellor precisamente- eu era consecuente e mantiña o estilo en toda situación, porque o consideraba unha forma de vivir -coma ser sobria, non consumista… No caso de Iglesias parece máis unha forma de ser protagonista. Concordo con Gabilondo no seu blog de hoxe El esmoquin de Pablo Iglesias.

Agora mesmo ata lle atopo certas vantaxes ao formalismo; hai unha maneira de ir vestido a cada lugar, vas discreta dentro dos canons e pasas desapercibida. Aceptar os protocolos non tería por que ser de dereitas, de antigxs… nin clasista, porque hoxe hai o mesmo estilo en tódolos prezos.