Confianza

Acabo de ler o artigo de Antón Losada -grande sempre- “De pijada en pijada“. O contido do artigo xa o podedes ler no enlace. Vai da desconfianza na vida política. Eu, que me gusta andar polo terreo da cotidianidade fixeime na idea da confianza en xeral.

O que ocorre na política é o mesmo que na sociedade. Os políticos son persoas que viven nunha sociedade e o seu comportamento non é diferente de o de calquera outra persoa que viva na mesma sociedade. Ás veces comparamos aos políticos españois cos suecos ou cos daneses, pero é que as sociedades dos países do norte ou do centro de Europa tampouco son como a nosa.

Non sempre foi así, ou polo menos non tanto. Meu pai foi un pequeno empresario e os compromisos que tiña cos provedores e cos clientes eran verbais, non asinaban contratos. As persoas tiñan creto -ou non- e en función diso actuabas. Hoxe calquera chisme publicado dunha persoa intachable convértea en indesexable porque xa non confiamos en ninguén, da igual a súa traxectoria até o de agora.

Aquí e agora ser unha persoa confiada é sinónimo de “pardilla”. Desconfiamos de todo e supoñemos que todxs desconfían de nos. A min as persoas desconfiadas dánme pouca confianza. Por exemplo Iglesias -ao que lle valoro moitas cousas que fixo e indirectamente votei ao seu partido- non se fía das palabras de Sánchez, nin sequera dun documento escrito que puidesen asinar, por iso ten que ser vicepresidente e ter a metade dos ministerios para poder vixiar as actuacións dun posible goberno socialista. ??? Estas actitudes fomentan a desconfianza e diso xa andamos sobradxs.

Escoitei moitas veces a frase o “respecto hai que gañalo” referida en moitos casos á conducta das mulleres. E, polo que eu percibo, é unha idea moi aceptada socialmente.

E digo eu… non sería mellor que fose ao revés? Que de entrada tense e logo xa se pode ir perdendo, ou non.

Coa confianza debería ser o mesmo, en principio tense e logo xa se verá se se mantén ou non. Pode que así as cousas fosen máis fáciles.

Advertisements