Benidorm

Dende que estou xubilada fago un par de viaxes ao ano co IMSERSO, nos meses máis crudos do inverno.

As viaxes que organiza o IMSERSO son, normalmente a zonas de moito turismo de verán, pero de inverno non tanto; urbanizacións nas costas mediterránea ou nas illas.

Eu son máis de turismo urbano e até o de agora case sempre elixía lugares próximos ou ben comunicados con cidades grandes que me gustan: Barcelona, Mallorca, Málaga… Utilizo a viaxe e o aloxamento, que son baratos, e logo móvome ao meu aire polas cidades.

Este ano decidín coñecer o fenómeno Benidorm. Murcia e Alacant tamén terán cousas bonitas que ver, pensei. E para aquí que me vín!

Xa no autobús, do aeropuerto ao hotel, empecei descubrir o éxito deste destino; a xente ía falando de lugares para comer, de espectáculo, pobos cercanos… polos seus nomes, coma se fala na túa propia cidade. Estaba moi claro que xa estiveran todxs -eran tres parellas- con anterioridade.

A cidade non ten moito interese. Arquitectonicamente é un batiburrillo e mesmo na zona máis antiga -supoño- onde non hai rañaceos, hai unha mestura de “arquitectura de autor” -un tanto peculiar- con edificios anodinos de estilo “funcional” propios do boom da construcción. O porto é pequeno e o club náutico non parece ter moita actividade, vaia que non me dou a impresión que os deportes náuticos sexan un aliciente.

cats1

Pero finalmente si que atopei o segredo do éxito: “A movida”. Dende as nove da mañán as rúas xa están cheas de xente e a partir das 11 o paseo marítimo está petado, a praia con xente tomando o sol, bañándose ou a facer ximnasia -varios grupos dunhas 50 persoas en cada grupo- Un bule-bule que non vexo en Sanxenxo no verán. A partir desa hora as rúas da zona de bares e cafeterías teñen moito trasiego e as terrazas están cheas. Non se ven locais pechados… -noutros lugares que estiven,  os arredores do hotel víanse moi desangelados; bares, tendas, restaurantes… que pechan os meses máis frouxos…

Resumindo, isto é en xaneiro o equivalente ao que se chama veraneo, veraneo familiar. Iso si, sobre o 80% somos xente maior.

Total… que por fin xa o entendo, pode que eu non volva -non son de turismo de veraneo- pero enténdoo.