Maternidade

La que has liao Pablitoooo!!!

Non dou creto… Unha muller, Bescansa, decide levar ao seu fillo ao traballo -no seu primeiro día, dáme que non o vai facer a cotío- e ese feito convértese en portada de informativos.

Polos 70 había algunhas mulleres, mestras, que levavan aos seus bebés ás escolas unitarias. Até lle facían un cuartiño aparte e, nai e alumnado atendían á criatura. En xeral non estaba ben visto porque entendíase que esa muller non podía desenvolver ben o seu traballo, pero aceptábase porque non había garderías suficientes e o salario desa señora tampouco daba para moito.

A min gustaríame dicir algo ao respecto.

  1. A maioría dos entornos laborais non son os apropiados para acoller a unha criatura.
  2. A maioría dos traballos non lle permiten xs traballadorxs atender simultaneamente o traballo e as crianzas.
  3. A maternidade ou a paternidade son opcións persoais, non é obrigatorio.

Partindo disto penso que efectivamente cada persoa pode enfocar a maternidade ou a paternidade como queira. Toda a vida houbo mulleres que non criaron directamente a súa descendencia, tiñan persoal de servizo -mesmo amas de leite- porque elas non tiñan especial interese en facelo e a súa posición económica llo permitía. E non desenvolvían traballo remunerado fóra da casa. Isto era frecuente na alta sociedade do século XIX.

Hoxe hai unha regulamentación que contempla permisos de maternidade e de paternidade, de lactancia… Seguramente a nosa non sexa a mellor das existentes, pero a que hai é a que teñen tódalas persoas traballadoras do común, non sei se a das persoas que traballan no Parlamento debe ser diferente.

Persoalmente penso que realizar un traballo e atender unha criatura son cousas incompatibles, como norma.

Outras imaxes de persoas que levan ás súas criaturas ao traballo que se están vendo tamén son mulleres e tamén son parlamentarias.

Non me gusta por dúas razóns.

  1. Porque fomenta o de que as mulleres podemos facer dúas cousas ben á mesma vez -co que non estou de acordo, facer varias cousas á vez implica necesariamente dispersar a atención.
  2. Tamén afianza a idea de que o traballo parlamentario é o suficientemente relaxado coma para poder facer outra cousa ao mesmo tempo.